O titular do Goberno galego participou este mediodía, xunto ao presidente do Principado de Asturias, Adrián Barbón, no acto Encuentros en el Eo
Feijóo avoga por que os intereses comúns de Asturias e Galicia sigan a ser a base dunha colaboración frutífera que non entende de siglas nin de ópticas ideolóxicas

Reitera a proposta de que os quilómetros das autopistas en España vallan o mesmo

Sobre o AVE, lamenta que non se estean a cumprir as expectativas, cun retraso como mínimo dun ano ou ano e medio

En relación ao Corredor atlántico sostén que o obxectivo non pode ser só figurar no mapa, senón conseguir a auténtica modernización da nosa rede de mercadorías, grazas ao financiamento europeo “ao que, agora si, temos acceso”

No eido dunha mellor conectividade, precisa que a Xunta vén de presentar unha medida cun investimento de 5 millóns para cubrir con telefonía móbil núcleos de poboación de 10 habitantes, da que se poderán beneficiar núcleos de 118 concellos

Sobre as industrias electrointensivas, urxe a aprobación dun Estatuto para o consumidor electrointensivo, e recorda a incerteza que tamén se cerne sobre a central térmica das Pontes, para a que demanda unha transición ordenada e xusta

En materia de demografía, transmite a necesidade de contar con políticas europeas, de Estado, autonómicas e locais: “os concellos, as deputacións e as comunidades temos que crear un fondo para incentivar e diminuír os custes obxectivos de ter fillos”

Lamenta que a Administración central do Estado deba o pago dunha mensualidade do IVA correspondente a 2017, así como a compensación ás comunidades cumpridoras como Galicia

Vegadeo (Asturias), 29 de novembro de 2019

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avogou hoxe por que os intereses comúns de Galicia e Asturias sigan a ser a base dunha colaboración frutífera que non entende de siglas nin de ópticas ideolóxicas. “Agardo que poidamos seguir exercendo unha cordial relación de veciñanza e traballando xuntos”, dixo, recordando a intensa tarefa e capacidade de entendemento que sempre amosou o anterior presidente de Asturias, Javier Fernández.

No marco dos Encuentros en el Eo, que organiza a Corporación Voz de Galicia, Feijóo volveu poñer de manifesto que as prioridades de ambas comunidades son semellantes en asuntos estratéxicos como as infraestruturas, a evolución demográfica ou o propio financiamento autonómico. Non en van, recordou que as dúas traballaron xuntas de forma ininterrompida con todos os seus presidentes.

Nesta liña, apostou porque, “ao igual que Galicia e o norte de Portugal estableceron unha ponte económica, comercial e empresarial a través dunha Eurorrexión, esa ponte que se construíu sobre o Miño sexa a mesma ponte que se constrúa sobre o Eo”.

Unhas infraestruturas propias do século XXI

Despois de subliñar que en todos os asuntos que suscitaron acordo entre Galicia e Asturias, e tamén con outras comunidades, hai un denominador común: o respecto á igualdade entre os españois; Feijóo incidiu na necesidade de manter viva a alianza a favor dos intereses do Noroeste ante a oportunidade dos corredores europeos de transporte.

“Todo isto en base á equidade e para non estrangular os nosos territorios”, dixo, e fixo fincapé en que “non podemos seguir coas peaxes que temos”, reiterando a proposta de que os quilómetros das autopistas en España vallan o mesmo.

No tocante ás comunicacións viarias, Feijóo resaltou que, “se ben despois de vinte anos por fin temos a Transcantábrica”, é necesario resolver o problema da néboa. En segundo lugar, referiuse á necesaria planificación da liña ferroviaria que debería vertebrar a cornixa cantábrica, xa que “tardar 14 horas desde Ferrol a Barcelona en tren non é comprensible”; e sobre o AVE, lamentou que non se estean a cumprir as expectativas, cun retraso como mínimo dun ano ou ano e medio.

Así mesmo, asegurou que Asturias e Galicia, xunto a Castela e León, deben manter activa a alianza de éxito coa que, xunto ás forzas sociais e empresariais, se conseguiu corrixir o erro histórico que supoñía a exclusión do Noroeste de España do Corredor atlántico de mercadorías. E insistiu en que o obxectivo non pode ser só figurar no mapa, senón conseguir a auténtica modernización da nosa rede de mercadorías, grazas ao financiamento europeo “ao que, agora si, temos acceso”. “Tócanos seguir traballando xuntos para que se materialice”, recalcou.

Por outra banda, e no eido das infraestruturas para unha mellor conectividade, o responsable do Executivo galego precisou que para mellorar a cobertura móbil dos núcleos galegos que o necesitan, a Xunta vén de presentar unha medida cun investimento de 5 millóns de euros para cubrir con telefonía móbil núcleos de poboación de 10 habitantes, da que se poderán beneficiar núcleos de 118 concellos.

Neste mesmo eido, destacou que grazas a internet a comunidade galega conta cunha administración aberta 24 horas, os 365 días ao ano, de forma descentralizada e confirmou que o próximo reto ten que ver con aumentar as velocidades de conexión e, mirando un pouco máis lonxe, ser das primeiras rexións europeas en contar cos servizos avanzados que permitirá o 5G.

Incertezas en torno ás industrias electrointensivas e as centrais térmicas

O titular da Xunta aproveitou a xornada para falar da incerteza que existe en torno ás industrias electrointensivas e urxiu, novamente, a aprobación dun Estatuto para o consumidor electrointensivo, que garanta un prezo viable entre os 35 e os 40 euros. E referiuse á mesma incerteza que se cerne sobre as centrais térmicas como a das Pontes, demandando unha transición ordenada e xusta. “Os cambios son imparables, sen dúbida, pero teñen que levar períodos de transición, porque se se fai un cambio abrupto prodúcese unha fractura”, sentenciou.

Compromiso demográfico e novo modelo de financiamento autonómico

O responsable da Administración autonómica galega fixo referencia a un dos grandes problemas de Europa e que afecta tamén a Galicia e Asturias: a dinámica demográfica. E, ao fío deste asunto, constatou que Galicia está a traballar nunha lei de impulso demográfico, que a converta na primeira comunidade que eleve as políticas demográficas a rango de lei.

Así mesmo, subliñou que en 2020 introduciranse tres novas medidas relacionadas con esta materia: incrementar un 25% a Tarxeta Benvida para as familias que viven no rural; financiar o 100% a creación de pequenos centros de conciliación dentro das propias empresas; e facer 100% gratuíta a educación infantil de 0 a 3 anos para os segundos fillos e sucesivos en todas as escolas.

Feijóo transmitiu a necesidade de contar nesta área con políticas europeas, de Estado, autonómicas e locais. “Os concellos, as deputacións e as comunidades temos que crear un fondo para incentivar e diminuír os custes obxectivos de ter fillos, e se lle sumamos presupostos de Estado, teremos unha política demográfica obxectiva”, matizou.

O presidente da Xunta volveu poñer de manifesto a necesidade dun novo sistema de financiamento autonómico que supere a idea do reparto por territorios e garanta un financiamento igualitario para cada cidadán, repartindo os recursos en base a necesidades obxectivas de gasto en cada territorio. “E tamén ha de cumprirse o acordo acadado na Conferencia de Presidentes de xaneiro de 2017, referido a que o sistema de financiamento autonómico inclúa unha peza separada para a sanidade pública”, sostivo, insistindo en que se trata de necesidades que foron postergadas no tempo e que urxe abordar.

Feijóo concluíu lamentado que a Administración central do Estado deba o pago dunha mensualidade do IVA correspondente a 2017, así como a compensación ás comunidades cumpridoras como Galicia. Unhas contías, importantes para os orzamentos das autonomías e para os servizos públicos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/11/2019