O 061 de Galicia asistiu a 79 persoas por 58 accidentes de circulación durante a fin de semana

Desde as 15,00 horas do venres, 29 de novembro, ata as 23,59 horas do domingo, 1 de decembro, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiu 70 chamadas por accidentes de tráfico

A Estrada (Pontevedra), 2 de decembro de 2019

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana 79 persoas debido a 58 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15,00 horas do venres, 29 de novembro, ata as 23,59 horas do domingo, 1 de decembro. Os días que rexistraron máis incidentes foron o sábado e o domingo con 19 sinistros de tráfico ambos os dous.

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 70 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 58 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atendeu un total de 79 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 66% e do 34% respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 37% dos atendidos tiña entre os 25 e os 39 anos.

Por provincias, A Coruña e Pontevedra foron as que rexistraron máis accidentes con 25 sinistros de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

 

Provincia
Accidentes

A Coruña

25
Lugo
3
Ourense
5
Pontevedra
25
Galicia
58

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 69. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado atenderon en seis accidentes, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico mobilizáronse en 56 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que medicalizan as ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en tres accidentes. As ambulancias convencionais asistiron en catro sinistros de circulación.

En 57 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes e en 22 ocasións atendeuse no propio lugar do incidente.

Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 02/12/2019