Ángeles Vázquez asina a orde de aprobación do primeiro Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ribadavia

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou esta mañá este municipio que tamén se alza como concello número 105 en dispoñer dunha ferramenta de planeamento actualizada e adaptada á lei

Salienta que se trata dunha ferramenta que prevé preservar o tradicional sistema de asentamentos, a protección dos recursos, dos espazos naturais e do patrimonio histórico, artístico, etnográfico e cultural; ao tempo que se compatibilizan as expectativas de futuro

Tamén destaca o impulso e o respecto pola vida nas parroquias, coa procura dun aumento da poboación e reservando case tres puntos máis de superficie para o sistema xeral de espazos libres e zonas verdes

Ribadavia (Ourense), 2 de decembro de 2019-

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinou esta mañá a Orde de aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ribadavia, polo que este municipio conta co seu primeiro plan xeral, ao tempo que se converte no concello número 105 en contar cun planeamento actualizado e adaptado á lei.

A conselleira de Medio Ambiente felicitou ao rexedor local e ao seu equipo por concluír o traballo de redacción desta nova ferramenta de planeamento, que porá fin ás Normas Subsidiarias de Planeamento, con 33 anos de vixencia, e que guiará o desenvolvemento do concello para os vindeiros 20 anos.

Destacou o esforzo realizado para facilitar que máis de 5.000 habitantes das oito parroquias de Ribadavia se beneficien do primeiro PXOM e que se traduciu en estudar polo miúdo os máis de 27 quilómetros cadrados de superficie.

Ribadavia é un concello no que máis dun 90% do territorio é solo rústico, seguido xa a moita distancia polo solo urbano, 4,90%; o solo de núcleo rural, o 3,45%; e o solo urbanizable, o 0,73%, polo que o novo Pxom favorece o desenvolvemento equilibrado e sostible deste concello; ao tempo que se compatibiliza a protección e potenciación do patrimonio natural e cultural, histórico, artístico e etnográfico.

Tamén respecta e impulsa a vida nas parroquias, procurando o aumento da poboación nas mesmas grazas ao impulso dos sectores produtivos e mellorando a habitabilidade no concello, incrementando en case 3 puntos -respecto do que indica a Lei do solo- a superficie para o sistema xeral de espazos libres e zonas verdes (330.852 m2, un 168% máis do que esixe a Lei). E , por último, resérvanse case 155.000 m2 para o sistema xeral de equipamento comunitario, un 277% máis do que esixe a Lei (dito doutra forma, case 3,8 veces máis).

Coa aprobación definitiva do PXOM de Ribadavia son xa 105 os concellos que contan cun planeamento adaptado e acorde ao marco urbanístico vixente en Galicia. Así mesmo, cómpre precisar que 75 destes plans foron aprobados polo actual Goberno galego e 17 deles só no que vai da presente lexislatura, que comezou no ano 2016.

Por último, Ángeles Vázquez lembrou que o traballo desenvolvido pola Xunta nos últimos 10 anos en materia de urbanismo ten coma obxectivo final que non haxa ningún concello en Galicia sen PXOM. Neste sentido, referiuse á aprobación da Lei do Solo no ano 2016 e do regulamento que a desenvolve; á posta en marcha do Plan Básico Autonómico en outubro de 2018 e aos futuros Plans Básicos Municipais para concellos de menos de 5.000 habitantes, que empezarán a redactarse este ano; ou ao impulso á nova Lei de Ordenación do Territorio, un texto que, previsiblemente, entrará no Parlamento a finais de 2019.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 02/12/2019