Nove bolseiros incorpóranse hoxe como investigadores do Centro Ramón Piñeiro

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, deulles a benvida no encontro que mantivo con eles na sede do centro de investigación adscrito á Consellería de Cultura e Turismo

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2019

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, deulles a benvida esta mañá aos nove bolseiros que, a partir de hoxe e ata decembro de 2021, traballarán nos proxectos do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH), dependente da Xunta de Galicia. Integráronse nos proxectos Legado científico de Jürgen Untermann, Corpus de referencia do galego actual (Corga), Corpus Documentale Latinum Gallaeciae (Codolga), Bibliografía informatizada da lingua galega (Bilega), Terminoloxía científico-técnica, Informes de literatura, Recuperación de textos literarios e xornalísticos galegos, Lírica profana galego-portuguesa e Dimensións da identidade colectiva de Galicia.

Valentín García deulles a benvida aos novos bolseiros “a este centro que é, tras máis de 25 anos de actividade, unha referencia na investigación en humanidades”, onde “tendes unha magnífica oportunidade de afondar na vosa formación ao tempo que contribuídes ao avance das disciplinas en que vos especializades”.

Xunto co secretario xeral de Política Lingüística, participaron no encontro cos novos bolseiros Manuel González, coordinador científico do CRPIH; Armando Requeixo, secretario do centro; Mercedes Brea, directora técnica da Área de Literatura e os restantes directores dos proxectos aos que se incorporan os novos investigadores.

Investigación punteira en Humanidades

Desde a súa creación en 1993, pasaron polo CRPIH máis de 500 investigadores e investigadoras, tanto bolseiros e bolseiras galegos coma estranxeiros de estadía durante un trimestre. Moitos deles son hoxe doutores, profesores universitarios ou do ensino medio que, desde os seus actuais postos de traballo, continúan a facer importantes contribucións ao coñecemento da lingua ou da literatura galegas. Os investigadores que inician hoxe a súa traxectoria neste centro adscrito á Consellería de Cultura e Turismo son titulados universitarios que están completando a súa formación académica e profesional nos ámbitos da lingüística, a literatura, a historia ou a antropoloxía de Galicia.

A Consellería dirixida por Román Rodríguez e, en particular, a súa Secretaría Xeral de Política Lingüística, da que depende o CRPIH, reafirma con estas novas bolsas o seu compromiso coa investigación co obxectivo de avanzar na normalización da lingua propia de Galicia e promover o seu uso en todos os eidos profesionais e sociais.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 02/12/2019