A Delegación da Xunta en Lugo acolleu o acto central da conmemoración do 19 aniversario do recoñecemento do monumento como Patrimonio da Humanidade
A Xunta di que a distinción da Unesco multiplicou o potencial turístico e o recoñecemento da Muralla de Lugo no mundo

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, destacou a singularidade da Muralla de Lugo, “un monumento vivo e aberto” tanto pola súa integración na cidade como pola autenticidade histórica que representa

Lugo, 2 de decembro de 2019

O recoñecemento outorgado pola UNESCO á Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade serviu como elemento tractor tanto desde o punto de vista turístico como tamén respecto do maior coñecemento deste monumento a nivel internacional.

Esa foi a principal conclusión á que chegaron os catro expertos que participaron na mesa redonda organizada pola Delegación territorial da Xunta, para conmemorar o 19 aniversario desta distinción internacional que posúe o símbolo máis recoñecido da cidade de Lugo.

Na mesma participaron os divulgadores científicos Mario Crecente e Tito Concheiro e os xornalistas Paco Nieto e Paco Rivera, moderados por José Luis Ramudo. Todos afondaron desde diferentes perspectivas no potencial da muralla desde o punto de vista patrimonial e turístico e, tamén, de cara ao futuro como cerne da candidatura do casco histórico de Lugo a Patrimonio da Humanidade.

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, anfitrión do encontro, defendeu a singularidade da Muralla como un patrimonio “vivo e aberto”, pois a UNESCO soubo valorar que moi poucos complexos monumentais en todo o mundo poden ofrecer a mesma autenticidade histórica e integridade arqueolóxica, combinada coa súa total inclusión dentro do contorno urbano e “o seu uso continuo como parte do día a día da nosa cidade”

Balseiro asegurou que o mellor legado que podemos ofrecer ás xeracións que chegarán é ser conscientes do “tesouro que supón vivir nunha cidade amurallada”, pero ademais facelo “convivindo con naturalidade e harmonía cun símbolo permanente e ben coidado do noso pasado romano”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 02/12/2019