Medio Ambiente somete a información pública a inclusión no Catálogo galego de árbores senlleiras dun carballo en Agolada

Co anuncio publicado no Diario Oficial de Galicia, ábrese desde mañá un período de 20 días hábiles para que os interesados presenten as súas observacións

Nestes momentos, en Galicia existen un total de 189 exemplares e formacións arbóreas que están catalogadas como senlleiras en recoñecemento das súas características excepcionais ou singulares

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2019

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio polo que se somete ao trámite de información pública unha solicitude para ampliar o Catálogo galego de árbores senlleiras coa incorporación dun novo exemplar de carballo localizado no lugar de San Martiño de Ramil, no Concello de Agolada (Pontevedra). Deste xeito, ábrese a partir de mañá un período de 20 días hábiles durante o cal todas as persoas interesadas ou que se consideren directamente afectadas pola proposta, realizada neste caso pola Fundación Eria, poderán remitir as súas observacións e achegas á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

O carballo de San Martiño de Ramil que aspira a formar parte do censo de árbores senlleiras de Galicia está localizado na pequena parroquia de San Martiño de Ramil, moi preto da igrexa parroquial que leva o mesmo nome. Trátase dun exemplar cunha altura de 18 metros, 100 centímetros de diámetro e 314 de perímetro de copa.

A información do expediente relacionado con este carballo estará dispoñible para a súa consulta nas dependencias da Dirección Xeral de Patrimonio Natural en Santiago de Compostela e na Xefatura Territorial de Medio Ambiente en Pontevedra, e tamén poderá examinarse de forma dixital a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente.

O Catálogo galego de árbores senlleiras

O Catálogo galego de árbores senlleiras é un rexistro público de carácter, administrativo dependente da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, no cal se inclúen todas aquelas árbores e formacións da comunidade que, atendendo ás súas características excepcionais, merecen recibir unha protección especial. Neste sentido, entre os elementos a valorar en cada solicitude cómpre subliñar aspectos tales como o porte, as dimensións, a idade, a rareza, a significación histórica ou cultural ou o interese científico-educativo do exemplar en cuestión.

O obxectivo de promover a inclusión dunha árbore ou formación dentro deste catálogo é sempre o de garantir a súa protección e conservación, ao entender que pola súa propia singularidade ou características, merecen ser preservados e inventariados.

Trátase dunha ferramenta aberta e en constante actualización, de tal xeito que se pode propoñer a inclusión de elementos novos tanto a iniciativa dos seus propietarios, de administracións públicas, de centros de investigación ou asociacións (como ocorreu neste caso) e aquelas entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza. De feito, desde a aprobación do seu regulamento no ano 2007, este catálogo foi obxecto xa de diversas revisións.

Na actualidade, hai 189 elementos (151 exemplares e 38 formacións arbóreas) pertencentes a 80 especies diferentes coa seguinte distribución provincial:

 
Árbores
Formacións
Total
A Coruña
44
13
57
Lugo
35
6
41
Ourense
22
7
29
Pontevedra
50
12
62
Total
151
38
189