A Xunta destaca en Asturias a prioridade de fortalecer o tecido industrial do noroeste peninsular

O director do Igape, Juan Cividanes, visitou as instalacións da empresa Idebaf en Avilés, onde salientou que a colaboración entre comunidades é a mellor forma de defender os intereses produtivos comúns

Destaca os proxectos que o grupo empresarial asturiano, referente mundial da eólica offshore, desenvolve en Galicia a través da UTE Windar-Navantia

Avilés (Asturias), 3 de decembro de 2019

O director do Igape, Juan Cividanes, salientou en Avilés, na visita que realizou ás instalacións da empresa Idebaf, que a colaboración entre comunidades veciñas é a mellor forma de defender os intereses industriais que Galicia e Asturias comparten, así como de fortalecer a competitividade dos tecidos produtivos de ambas as dúas comunidades.

A visita do director do Igape busca seguir fortalecendo as sinerxías entre as industrias do Noroeste peninsular. Idebaf, que conta con 82 empregados e se dedica á fabricación de cisternas, grandes depósitos e contedores de metal, forma parte do Grupo Daniel Alonso, referente mundial no ámbito da eólica offshore polos proxectos que está a desenvolver en Galicia a través da UTE Windar-Navantia. Este grupo industrial, creado en 2000, conta cun cadro de persoal composto por 1560 traballadores e facturou o pasado ano uns 400 millóns de euros.

Cividanes destacou que, para avanzar no camiño emprendido cara a consolidación do novo modelo industrial, máis competitivo, internacionalizado e con capital humano moi preparado, a Consellería de Economía, Emprego e Industria continúa desenvolvendo a nova folla de ruta da Axenda 4.0 para 2019 e 2022, que reforza os programas xa en marcha, como as axudas á dixitalización e os proxectos Industria 4.0, e incorpora novas liñas de apoio, como Profesionais e Maquinaria 4.0 e os Centros de Fabricación Avanzada.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/12/2019