A Xunta adxudica 12 novos contratos de transporte público que operarán en Galicia na vindeira década por un importe de case 141 millóns de euros

Os lotes adxudicados inclúen 322 liñas de autobús, das que 203 liñas contan con servizos de transporte compartido entre escolares e usuarios xerais

Un total de 109 rutas contemplan a prestación de servizos baixo demanda

Garanten o emprego de 218 condutores e 142 acompañantes nos servizos de autobús compartido

As liñas da primeira fase comezarán a funcionar a comezos de 2020 e proximamente se licitarán as da segunda fase
 

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2019

A Xunta de Galicia vén de adxudicar 12 novos contratos máis de transporte público que operarán na comunidade na vindeira década por un importe de case 141 millóns de euros.

Estes contratos sumados aos 82 recentemente adxudicados, completan practicamente a adxudicación da 1ª fase do Plan de transporte público de Galicia, pois só falta por formalizar un lote.

Os contratos adxudicados contemplan un total de 322 liñas de autobús, con 3.035 paradas, das que 203 liñas contan con servizos de transporte compartido entre escolares e usuarios xerais. Ademais, unhas 109 rutas dispoñen de servizos baixo demanda.

No que se refire ao emprego, estes contratos supoñen a disposición de 218 condutores e 142 acompañantes nos servizos de autobús compartido.

Os novos servizos correspóndense coas comarcas do Condado, Paradanta, Vigo, Pontevedra, Morrazo, Salnés ou Chantada, entre outras áreas.

Estes novos contratos, que terán unha vixencia por 10 anos, está previsto que comecen a funcionar a partir de xaneiro do 2020. Ademais, a Xunta prevé licitar proximamente os restantes contratos de transporte, co obxectivo de que no ano 2020 estea culminada a renovación integral do transporte público en Galicia.

A Xunta avanza así no cumprimento do establecido na normativa europea, garantindo que Galicia siga a ter transporte público tras o vencemento das concesións e acadando a renovación total do mapa de servizos de autobús interurbano da comunidade.

O novo plan permitirá que o 97% da poboación estea a menos de 1 km dunha parada de autobús e que os usuarios de toda Galicia se beneficiarán das vantaxes do transporte metropolitano e a tarxeta Xente Nova. Para isto, duplicaranse amplamente os servizos existentes hai 3 anos, pois cos novos contratos os galegos disporán de preto de 61 millóns de km de servizos de autobús cada ano.

Traballo de campo e participación

O Plan de transporte público de Galicia está baseado na participación e no traballo de campo, xa que para o deseño das rutas se estudou en profundidade o territorio co fin de coñecer os actuais servizos de autobús e as novas necesidades da poboación.

Ademais, consultouse aos usuarios, recolléronse datos nos principais centros de demanda, como zonas empresariais, centros de saúde ou centros educativos e se realizaron enquisas e entrevistas en todos os concellos.

O Goberno galego tamén escoitou as achegas e solicitudes en materia de transporte público, no marco dos procedementos de información pública, co fin de atendelas do mellor xeito posible e proporcionarlles aos cidadáns uns servizos eficaces que respondan ás súas necesidades reais.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/12/2019