A Xunta incrementa o crédito do Bono Concilia en 1,1 millóns de euros para conceder a axuda a todas as familias que o solicitaron

Os fondos desta iniciativa aumentan ata os 4,6 millóns de euros para que 4100 familias se beneficien da axuda

Desta maneira conséguese unha lista de agarda cero no curso 2019/2020

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2019

A Xunta de Galicia amplía o crédito do Bono Concilia en máis de 1,1 millóns de euros ata acadar unha contía global de 4,6 millóns. Esta medida permitirá que neste curso 2019/2020 as familias beneficiadas por esta axuda directa sexan 4100 e que todas as que a solicitaron a reciban. Esta iniciativa permítelles elixir a escola infantil que desexan para os seus fillos e fillas a aquelas familias que teñan dereito a unha praza pública e non accedesen a ela.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe este incremento, que ten como obxectivo que reciban esta axuda todos os solicitantes que cumpran cos requisitos establecidos na convocatoria. De feito, dispoñer de maior marxe orzamentaria fará posible que non haxa lista de agarda nos centros de atención á infancia de 0 a 3 anos.

Ao igual que nesta ocasión, xa en convocatorias anteriores leváronse a cabo ampliacións de crédito neste programa, que non ten un límite de gasto prefixado para non deixar a ningunha familia sen achega no caso de que lle corresponda. Con esta ampliación, máis de 1200 familias se incorporan como beneficiarias do Bono Concilia, polo que se lles axudará a pagar o custe da escola infantil que elixiron para as súas fillas e fillos desde setembro.

A contía da axuda que se percibe por cada praza de xornada completa oscila entre os 45 euros mensuais para as rendas máis altas e os 250 euros (con servizo de comedor incluído) para as rendas máis baixas. Cómpre destacar que o Bono Concilia é compatible con outras axudas que poidan recibir as familias para a mesma finalidade sempre que non superen o custe da praza.

Maior cobertura

O Bono Concilia constitúe un recurso máis que a Consellería de Política Social pon á disposición das familias para facilitar a conciliación da súa vida persoal, familiar e laboral, pois facilita o acceso dos nenos e nenas a unha praza de escola infantil. Ao respecto, cómpre indicar que na actualidade o número de prazas en escolas de 0 a 3 anos que dependen da Xunta de Galicia ou nas que participa a Administración autonómica son máis de 25.000, máis do dobre que en 2009.

Esta cifra sitúa a Galicia nunha ratio de cobertura do 44%, once puntos por riba da mínima aconsellada pola Unión Europea.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/12/2019