Comeza o obradoiro de emprego Camiño da Chaira, que ofrece formación e emprego a 20 alumnos traballadores de Cospeito, Outeiro de Rei e Castro de Rei

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a Xunta inviste 336.500 euros neste proxecto, que prevé realizar melloras en espazos públicos dos tres municipios

Cospeito (Lugo), 3 de decembro de 2019

O obradoiro de emprego Camiño da Chaira V botou a andar con 20 alumnos traballadores dos concellos de Cospeito, Outeiro de Rei e Castro de Rei, que recibirán formación e emprego nas especialidades de “Operacións auxiliares de Revestimentos continuos en construción” e “Levantamentos e replanteos”.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria inviste 336.500 euros neste proxecto, que mellorará a cualificación dos participantes de cara á súa inserción no mercado laboral e ademais realizará obras de mellora en espazos públicos dos tres municipios en beneficio dos veciños e veciñas.

Así, entre os traballos previstos en Cospeito figuran o acondicionamento interior do local social da antiga escola do Arneiro, acondicionamento do cobertizo na rúa Daniel Castelao e obras de mellora na casa da cultura de Feira do Monte.

En Castro de Rei rehabilitaranse as fachadas do Teleclub da localidade así como as fachadas e pavimentos interiores do local social da antiga escola de Bazar. Tamén se realizarán melloras nos vestiarios do antigo campo de fútbol de Castro Ribeiras de Lea.

Pola súa banda, Outeiro de Rei acollerá aos sete alumnos da modalidade de “Levantamentos e replanteos”, que traballarán na actualización da rede de saneamento e no cartografado dixital de expedientes de natureza urbanística e do inventario municipal de bens.

Os alumnos traballadores desenvolverán as obras nos vindeiros nove meses, co asesoramento de tres monitores. O obradoiro conta tamén cun director e un traballador encargado da administración.

Data de actualización: 03/12/2019