Comezan os tres obradoiros de emprego impulsados pola Xunta na zona sur da provincia de Lugo, nos que se formarán 60 persoas de sete concellos

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina 1 millón de euros a financiar os tres talleres, que durarán nove meses

Balseiro participou hoxe na inauguración do obradoiro ‘Sillor VI’, que comparten os municipios de Folgoso do Courel, Ribas de Sil e Quiroga
 

Folgoso do Courel (Lugo), 03 de decembro de 2019

Os tres obradoiros de emprego impulsados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria na Zona Sur da provincia de Lugo veñen de iniciar a súa actividade coa participación de 60 persoas alumnas-traballadoras (20 en cada taller) que durante os próximos nove meses recibirán formación teórica e práctica en diferentes especialidades.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que as tres iniciativas suman unha achega autonómica de 1 millón de euros (336.500 euros para cada obradoiro). Balseiro participou hoxe na inauguración do taller Sillor VI, promovido polo Concello de Folgoso do Courel xunto con Ribas de Sil e Quiroga. No acto estiveron tamén, entre outras persoas, a alcaldesa do Courel, Lola Castro; o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez; e o tenente de alcalde de Ribas de Sil, Roberto Castro.

Os outros dous obradoiros que comezan na Zona Sur da provincia de Lugo son o de Monforte de Lemos e o taller Ricra III, que promove o concello do Saviñao xunto cos de Pantón e Sober. No caso de Monforte, trátase dun obradoiro dual que inclúe incentivos para a contratación de 8 participantes en empresas da contorna por un prazo mínimo de tres meses ao finalizar o período formativo. Con ese fin, a Xunta concede unha achega adicional de 12.000 euros.

O delegado lembrou que os obradoiros combinan a formación teórico-práctica co desenvolvemento dun traballo efectivo, xa que as persoas beneficiarias disporán dun contrato de traballo e percibirán un salario durante a súa participación na actividade. Ademais, ao finalizar terán acceso a un certificado de profesionalidade na especialidade escollida.

Actuacións proxectadas en sete concellos

O obradoiro Sillor VI (Folgoso do Courel, Ribas de Sil e Quiroga) imparte formación relacionada coa albanelería -con sete alumnos de Quiroga- e urbanización -con seis participantes de Folgoso do Courel e sete de Ribas de Sil). Os proxectos que prevén acometer en Folgoso do Courel son o remate das escolas do Carballal e A Teixeira e os espazos dianteiros; a construción de beirarrúas na rúa Nova de Folgoso e a instalación de plataformas con valado para contedores. En Quiroga traballarán na segunda fase da ampliación do Museo Xeolóxico e en Ribas de Sil na pavimentación do acceso e a finalización do peche dunha parcela de equipamentos municipais de San Clodio.

Por outra banda, o taller de Monforte de Lemos adicarase á segunda fase do acondicionamento das instalacións da escola obradoiro da Pinguela. Imparte formación relacionada coa albanelería (12 alumnos), así como fontanería e calefacción-climatización doméstica (8 alumnos).

No que respecta ao obradoiro Ricra III (O Saviñao, Pantón e Sober), oferta a especialidade de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais (ten 4 alumnos de cada concello) e tamén formación relacionada coa carpintería e moble (3 alumnos de Pantón, 2 de Sober e 3 do Saviñao).

A modalidade de atención sociosanitaria desenvolverase na residencia Nuestra Señora del Carmen de Sober e no centro de día de Pantón. Ademais, o obradoiro elaborará mobiliario urbano e mobles para edificios públicos dos tres concellos participantes, tales como varandas de madeira, bancos, ‘cobre-contedores’, estantes ou armarios.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/12/2019