Preto de 148.000 alumnos participan este curso nas actividades do Plan Proxecta

Educación vén de resolver a convocatoria, que este ano implica 579 centros de ensino, un 6,83 % máis que o curso pasado

O obxectivo é avanzar no desenvolvemento da innovación educativa a través do traballo por proxectos vinculado a áreas como a saúde, a alimentación, a actividade física, a ciencia e a tecnoloxía ou a convivencia, entre outros moitos

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2019

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de resolver a convocatoria do Plan Proxecta para o presente curso 2019/20, no que preto de 148.000 alumnos (un 7,46% máis ca no curso anterior) se implicarán nalgún dos 44 programas diferentes que compoñen esta iniciativa. En total participan no Proxecta 579 centros de ensino (un 6,83% máis), que desenvolverán 1070 proxectos distintos coa colaboración de máis de 8200 docentes.

Por provincias, 182 centros de ensino coruñeses desenvolverán 305 proxectos, e 82 centros lucenses realizarán 161. En Ourense o número de centros participantes é tamén de 82, que desenvolverán 179 proxectos; mentres que en Pontevedra están implicados 233 centros, cun total de 425 iniciativas. A relación de centros educativos que desenvolven cada programa pode consultarse no portal web da Consellería.

Os programas nos que participan un maior número de centros son PDC (proxecto de vida activa e deportiva), con 305 centros participantes; Aliméntate ben, con 110; Proxecto Ríos, con 57; e Donas de si, Meteoescolas e Proxecto Terra, con 55, 41 e 40 centros respectivamente implicados cada un deles. No programa Por 365 días de respecto e igualdade participarán 36 centros. Pode obterse información sobre os 44 programas no portal educativo.

No curso 2018/19 participaron no Plan Proxecta 542 centros de ensino, preto de 138.000 alumnos e máis de 8000 profesores.

Programas ofertados

O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais, nos cales se inclúe a educación en valores.

Neste curso ofertáronse un total de 44 programas diferentes, relacionados cos ámbitos da saúde, a alimentación, a actividade física, a ciencia e a tecnoloxía, a lingua, o patrimonio, a solidariedade, o medio ambiente, o desenvolvemento sustentable, a igualdade, o consumo responsable, o voluntariado, a interculturalidade, a convivencia, a educación emocional, a creación audiovisual, a normalización lingüística, os dereitos da infancia ou a mobilidade, entre outros.

Dos 44 programas incluídos na convocatoria deste ano, 40 xa estaban en funcionamento o curso pasado e catro entraron a formar forma parte no Plan Proxecta este curso 2019/20: De Ítaca a Ávalon, unha nova iniciativa no ámbito da coeducación, Escola verde, que persegue o fomento de actitudes responsables co medio ambiente na comunidade escolar, Pasaporte solidario, relacionado coa promoción do voluntariado e Cidadanía dixital, que pretende contribuír á educación mediática e dixital da comunidade educativa

O feito de acoller a devandita variedade de programas baixo o Plan Proxecta establece un marco xeral de colaboración para traballar neste eido dun xeito estruturado, de tal forma que se contribúe a fixar uns criterios metodolóxicos e organizativos comúns, a establecer pautas compartidas en relación ao recoñecemento do traballos do profesorado nestes proxectos e a ofrecerlles aos centros e aos docentes a posibilidade de incluír dentro da súa planificación anual e programacións a participación neste tipo de iniciativas.

O obxectivo último deste plan é avanzar nas dinámicas de mellora da calidade educativa e favorecer a innovación nos propios centros a través de programas externos que leven á motivación e ao traballo activo, cooperativo e en rede, do alumnado e do profesorado implicado. Para iso, un dos principais obxectivos destes plans é promover a realización de proxectos interdisciplinarios que poidan servir de modelo de traballo ou de boa práctica, tanto para o propio centro en que se orixina como para o resto da comunidade educativa galega.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/12/2019