Xunta e UFD valoran positivamente as obras do Plan Salnés que impulsan a calidade do subministro eléctrico nesta comarca

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou o inicio das obras que quedan por executar dentro deste plan no que se investiron xa 12 millóns de euros

Visitou xunto a responsables da eléctrica o inicio dunha das obras máis importantes do plan que permitirá a conexión da subestación de Nantes con Meaño
 

Sanxenxo (Pontevedra), 02 de decembro de 2019

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, avaliou, con responsables de UFD, as actuacións levadas a cabo nos últimos tres anos a través do Plan Salnés e que supuxeron un salto de calidade no subministro eléctrico nesta comarca.

De feito, Cores Tourís destacou que aínda están por rematar varias actuacións, como a que hoxe visitou en Nantes xunto ao director de UFD en Galicia, Julio Gonzalo, e do delegado de UFD na provincia de Pontevedra, Francisco Ramos. Ambos responsables da distribuidora eléctrica de Naturgy, xunto ao xefe territorial de Economía, Emprego e Industria en Pontevedra, Ignacio Rial.

A distribuidora eléctrica informou ao delegado territorial da Xunta do investimento de máis de 12 millóns de euros levado a cabo nestes últimos tres anos para o desenvolvemento de redes de media e baixa tensión na comarca de cara a incrementar a calidade do subministro eléctrico, cumprindo así co compromiso adquirido ante a Xunta de Galicia en demanda dos veciños da zona.

De feito, os representantes da Xunta e da empresa puideron hoxe comprobar o inicio dos traballos das obras de garantía de subministro que permitirán enlazar a subestación de Nantes con Meaño.

O plan de actuacións na comarca de Salnés iniciouse en 2016 e permitiu un importante impulso á fiabilidade da subministración eléctrica nos municipios do Grove, Sanxenxo e Meaño. No municipio do Grove, puxéronse en servizo as liñas de media tensión para a mellora da calidade do servizo na zona de San Vicente do Mar e para asegurar tamén a alimentación de respaldo ao centro urbano do Grove. En concreto, UFD instalou un novo transformador na parroquia de Quinteiro e puxéronse en servizo as liñas de media tensión San Vicente-Quinteiro e San Vicente do Mar- Pedras Negras, que melloran a subministración na zona de San Vicente do Mar, así como a prolongación da liña Vilalonga-A Graña ata o centro do Grove e a nova alimentación ao centro de transformación Silva- Insuíña, ambas as para asegurar a alimentación de respaldo ao centro urbano da vila. A maiores, tamén se instalou un novo transformador no entorno da igrexa de Dena, en Meaño.

A distribuidora eléctrica investiu nestes últimos 2 anos máis de 2,5 millóns de euros en varias obras de desenvolvemento en redes de media e baixa tensión na zona para incrementar a calidade da subministración eléctrica, cumprindo co compromiso adquirido cos veciños da zona.

En Sanxenxo, instaláronse novos centros de transformación e puxéronse en servizo a liña de media tensión Arnelas- C/Vigo, as liñas de media e baixa tensión en Lanzada Praia, as de Mourelos-Carballal e as de Carabuxeira.

Como datos relevantes da comarca, cabe destacar a construción da subestación de Barro e a de Nantes, en Sanxenxo. A subestación de Barro contou cun investimento de 6,3 millóns de euros e reforza a subministración eléctrica a este municipio e ao seu polígono industrial. Máis recentemente púxose en servizo a subestación de Nantes en Sanxenxo que, cun investimento de 3,2 millóns de euros e unha potencia instalada 50 MVA, dá subministración ao polígono de Nantes, e complementa á subestación de Vilalonga para reforzar, entre ambas, a calidade da subministración aos veciños dos municipios de Sanxenxo, O Grove e Meaño. UFD xa puxo en servizo dúas liñas de ligazón da nova subestación de Sanxenxo e esta semana iniciáronse os traballos para a saída ao municipio de Meaño. Así mesmo, está previsto executar en 2020 dúas novas saídas desde Sanxenxo, unha de reforzo ao polígono de Nantes e outra cara ao centro de transformación do cámping de Portonovo.

“En total, o compromiso específico de UFD coa comarca do Salnés e a Xunta supuxo un investimento de máis de 12 millóns de euros dende o ano 2016, unha labor que continuará no 2020 e que permitirá mellorar en conxunto o subministro eléctrico nesta área”, rematou do delegado territorial.

UFD, distribuidora eléctrica de Naturgy, xestiona na provincia de Pontevedra máis de 15.500 quilómetros de rede de baixa e media tensión, preto de 5.500 centros de transformación e da servizo a máis de 500.000 puntos de subministro.

A compañía inclúe cada ano no seu plan de inversións, actuacións e iniciativas para potenciar as infraestruturas de subministro de enerxía eléctrica e mellorar a rede de distribución eléctrica, especialmente en zonas rurais onde é necesario mellorar a calidade do servizo, contribuíndo ao desenvolvemento económico destes territoriais e a mellora das súas condicións de vida.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/12/2019