Política Social felicita aos participantes do programa pasaporte solidario no colexio Santa Teresa de Jesús de Ourense

Esta actividade enmárcase dentro da Semana do Voluntariado que o Goberno galego conmemora con motivo da celebración este xoves do Día Internacional do Voluntariado

Ourense, 4 de decembro de 2019

A Consellería de Política Social felicita ás nenas e nenos de 5º e 6º de Educación Primaria que participaron no programa Pasaporte Solidario desenvolvido no Colexio Plurilingüe Santa Teresa de Jesús de Ourense. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, coñeceu hoxe de primeira man as actividades realizadas durante este curso.

Como novidade, este programa inclúese por primeira vez dentro do Plan Proxecta, unha iniciativa dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas que desenvolvan competencias clave e tamén elementos transversais, nos que se inclúe a educación en valores.

Ademais, esta actividade enmárcase tamén dentro da Semana do Voluntariado que o Goberno galego vén conmemorando con motivo da celebración este xoves 5 de decembro do Día Internacional do Voluntariado. Así, cada día ten lugar unha actividade en promoción da acción voluntaria.

Autobús ‘Engánchate ao voluntariado’

A directora xeral visitou tamén o autobús Engánchate ao voluntariado que hoxe facía unha parada en Ourense. Con motivo da Semana do Voluntariado, este vehículo está percorrendo desde o martes 26 as principais cidades e vilas galegas divulgando os programas de acción voluntaria impulsados pola Xunta de Galicia. Ata a data visitou Ferrol, A Coruña, Santiago, Pontevedra, Marín, Ribeira, Noia, Melide, Lugo, Monforte e agora Ourense. A ruta rematará este venres diante da Delegación da Xunta en Vigo.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/12/2019