A Xunta aposta por mellorar as instalacións xudiciais do rural para garantir a calidade e igualdade de servizos

A delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, visitou as obras de mellora executadas no Xulgado da Pobra de Trives por un importe de case 40.000 euros

Estes traballos complementan as actuacións realizadas nos últimos anos enmarcadas no plan de eficiencia enerxética

Este ano tamén se realizaron obras menores e reparacións nos edificios xudiciais de Ribadavia, Bande, Ourense capital e Pazo de Xustiza

A Pobra de Trives (Ourense), 5 de decembro de 2019

Dentro do programa de obras menores en edificio xudiciais a Vicepresidencia da Xunta investiu este ano 36.450 euros no edificio do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de A Pobra de Trives.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, achegouse a este concello e supervisou as obras que se realizaron. Así, co fin de mellorar a confortabilidade na sala de vistas e nas dependencias xudiciais instalouse un sistema de aire acondicionado. Ademais acometeuse unha reparación das canles e do muro exterior e procedeuse ao pintado da fachada.

Marisol Díaz enmarcou estas actuacións no seo do compromiso firme e decidido da Xunta por dotar aos profesionais e aos cidadáns dos mellores medios materiais ao seu servizo desde o punto de vista das infraestruturas xudiciais, independentemente do lugar onde se emprace. “Refórzase así, a aposta do Goberno galego por dotar do maior número de servizos á poboación que vivan no medio rural para, desde xeito, evitar o despoboamento”, indicou a delegada territorial.

Ao fío desta idea, Díaz Mouteira lembrou que o Xulgado da Pobra de Trives, nos últimos anos, xa foi obxecto doutras actuacións dentro do plan de eficiencia enerxética co fin de mellorar o día a día dos traballadores dos xulgados e dos cidadáns que acoden a eles. Así referiuse á reforma da sala de caldeiras e instalación dunha caldeira de biomasa, que redunda nun maior rendemento enerxético e un importante aforro no gasto de combustible derivado do petróleo para este inmoble, situado nunha zona de alta montaña, co que se potencia o aproveitamento dos recursos endóxenos como é o da biomasa cunha relevancia importante tamén no ámbito rural; así como a substitución da iluminación por leds e o cambio das fiestras.

Ademais, a representante do Executivo galego indicou que este ano tamén se realizaron obras menores e reparacións nos edificios xudiciais de Ribadavia, Bande, Ourense capital e no Pazo de Xustiza.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 05/12/2019