O conselleiro de Sanidade destaca o traballo dos Servizos Veterinarios Oficiais da Xunta como garantes da seguridade alimentaria, na conmemoración do seu 25 aniversario

Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural, José González, tamén agradece o traballo dos veterinarios que permite que a sanidade animal en Galicia estea garantida

A secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Isabel Concheiro, fai fincapé na importancia da colaboración e da cooperación na defensa do mar de Galicia, e para afrontar retos como a mellora da rastrexabilidade

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2019

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, puxo en valor hoxe, no acto de celebración do 25 aniversario dos Servizos Veterinarios Oficiais da Xunta de Galicia, o importante traballo que están a realizar estes profesionais como garantes da seguridade alimentaria, ao longo destes anos. No acto, que tivo lugar no Edificio Administrativo da Consellería de Sanidade, participaron tamén o conselleiro de Medio Rural, José González; e a secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Isabel Concheiro.

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego remarcou que, nestes 25 anos, houbo que enfrontarse e superar crises relativas á alimentación humana e animal, que tiveron un importante impacto na nosa Comunidade Autónoma.

O máximo responsable sanitario galego incidiu na importancia do traballo dos servizos de inspección de Saúde Pública, executado no marco do Plan de Control Oficial da Cadea Alimentaria de Galicia, que vai dende a produción primaria ata o consumidor final, e implica a todas as autoridades competentes con responsabilidade na seguridade alimentaria de pensos e alimentos, do benestar animal e a información ao consumidor.

“Garantir que poidamos comer e beber con seguridade é a función principal e obxectivo do voso colectivo”, -remarcou Almuiña-, “facédelo verificando que os operadores alimentarios cumpren coas normas para asegurar a inocuidade dos produtos alimenticios postos a disposición do consumidor”.

O conselleiro de Sanidade tamén destacou os importantes progresos en canto á formación e dotación de medios e equipos para os servizos veterinarios oficiais, “e seguiremos traballando para mellorar e ser máis efectivos”.

Explotacións gandeiras e defensa do mar

Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural, José González, agradeceu neste acto o traballo dos veterinarios que –dixo– permite que a sanidade animal en Galicia estea garantida e que contribúe a consolidar e soster os niveis sanitarios das explotacións gandeiras, así como a controlar a calidade e a seguridade das producións.

José González destacou que ese mantemento, e o avance do nivel sanitario, outórgalles aos gandeiros galegos unha vantaxe competitiva importante para a comercialización dos seus produtos, conseguindo unha diferenciación do sector que permite o acceso a novos mercados, no marco da calidade que distingue as producións agroalimentarias da nosa comunidade.

Engadiu, ademais, que a Xunta incentiva a implicación dos gandeiros no avance do status sanitario das súas explotacións mediante campañas informativas a través das oficinas agrarias comarcais (OAC), para incidir na importancia dos programas zoosanitarios. Salientou, por último, a participación dos servizos veterinarios oficiais na coordinación e seguimento da execución desa planificación, que é de obrigado cumprimento.

No acto, a secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Isabel Concheiro, fixo fincapé na importancia da colaboración e da cooperación na defensa do mar de Galicia e para afrontar retos como a mellora da rastrexabilidade. Neste eido, destacou a importancia do papel dos servizos veterinarios e de inspección pesqueira e dos seus profesionais “que nestes últimos anos se esforzaron por mellorar a rastrexabilidade dos produtos das rías galegas co seu control previo á chegada ao mercado e en garantir a súa calidade e salubridade”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 05/12/2019