A Xunta destina 180.000 euros a adquirir torres de endoscopia para os departamentos de pneumoloxía e dixestivo do Hospital da Mariña

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, lembra que o Sergas acomete un ambicioso proxecto de ampliación e renovación do centro, e que actualmente se reforman as fachadas cun investimento de 1,9 millóns de euros

Burela (Lugo), 5 de decembro de 2019

A Xunta de Galicia destinou 179.418 euros á adquisición de novas torres de endoscopia destinadas ao Hospital da Mariña. O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que se mellorarán os servizos de atención sanitaria coa incorporación dunha torre de endoscopia dixestiva e unha torre de broncoscopia, para o funcionamento dos gabinetes de pneumoloxía e dixestivo.

Balseiro sinalou que este novo paso está vinculado ao contrato de obra que desenvolve o Plan Director do Hospital Público da Mariña. Ao respecto, o delegado lembrou que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) está a executar un ambicioso proxecto de ampliación e renovación do centro, tanto en dotacións como en infraestruturas.

Sobre estas últimas, destacou que esta mesma semana deron inicio as obras de reforma das fachadas, carpintería exterior e envolventes térmicas do hospital, cun investimento de preto de 1,9 millóns euros. O obxectivo principal é incrementar a eficiencia enerxética do edificio orixinal do hospital, instalando novas carpinterías e vidros de control solar que proporcionen mellores características de illamento térmico e acústico, e mellorando a envolvente térmica de paramentos e cubertas.

A rehabilitación da envolvente, con fachadas ventiladas e placas de formigón polímero, adoptará unha solución semellante á do novo edificio recentemente inaugurado, co que a intervención contribuirá ademais a unificar esteticamente o conxunto hospitalario.

Paralelamente, o Sergas avanza na segunda fase dos traballos de ampliación e renovación integral do hospital, actuando na área de consultas externas unha vez rematada a reforma das plantas de hospitalización. En total, a Xunta leva investidos máis de 12 millóns de euros neste proxecto.

Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 05/12/2019