A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, a directora de Augas de Galicia e o delegado da Xunta mantiveron hoxe un encontro cos veciños e coa alcaldesa de Viveiro para abordar as actuacións necesarias nesta zona de alto risco
A Xunta ofrece apoio técnico e económico para unha ‘reconstrución responsable’ do núcleo de Xunqueira que permita reducir riscos e atender as demandas dos veciños

Augas de Galicia asumirá integramente as actuacións preventivas de conservación e limpeza no treito interurbano de acordo co protocolo de seguimento xa establecido

Para protexer a poboación resulta necesario aumentar a capacidade hidráulica do río Fontecova con actuacions urbanísticas no núcleo de Xunqueira

O estudo de Augas de Galicia estima o investimento necesario para estas obras urbanísticas, de responsabilidade municipal, en 500.000 euros, que o Goberno galego ofrece cofinanciar a partes iguais co Concello de Viveiro e a Deptuación de Lugo

Viveiro (Lugo), 4 de decembro de 2019

A Xunta de Galicia ofreceu hoxe o seu apoio técnico e económico para levar a cabo unha “reconstrución responsable” do núcleo de Xunqueira que permita reducir os riscos para a poboación e atender as demandas dos veciños. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantiveron hoxe unha xuntanza coa alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e representantes dos veciños de Xunqueira para abordar as actuacións necesarias nesta zona de alto risco de inundacións.

O Goberno galego convocou esta reuinón co obxectivo de presentar o resultado do estudo realizado por Augas de Galicia, por solicitude dos veciños, sobre a viabilidade de actuacións complementarias ás que incialmente foran formuladas para minimizar o perigo de asolagamentos no núcleo de Xunqueira.

Esas actuacións son consideradas necesarias pola Administración hidráulica autonómica a raíz da completa análise que realizou sobre o risco de inundación do río Fontecova tras o grave episodio de asolagamentos de novembro de 2018, en que faleceu unha veciña de Xunqueira.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, lembrou que desde o primeiro momento a Xunta se puxo á disposición dos veciños e do Concello de Viveiro, colaborando desde Augas de Galicia e desde a Axencia Galega de Infraestruturas na reparación dos danos máis urxentes e na eliminación de riscos inmediatos.

Xa entón, o Goberno galego apuntou a necesidade de realizar unha reflexión conxunta e sosegada para avaliar o conxunto de actuacións necesarias para reducir a vulnerabilidade do contorno fronte ás posibles enchentas, desde todos os puntos de vista: da xestión dos ríos, da protección civil, do urbanismo...

O estudo elaborado por Augas de Galicia parte dunha modelización hidráulica do río Fontecova para predecir o seu comportamento en diferentes escenarios de precipitacións. Quedou así acreditado que se parte dunha situación de risco, debido á forte presión urbanística sobre o río Fontecova na zona e a que o seu leito é moi estreito, ten unha forte pendente e está encauzado e presioanado polas edificacións.

Polo tanto, establécese a necesidade de adoptar medidas para anticiparse, prevenir, minimizar os riscos e protexer a poboación, actuando tanto na conservción e mantemento do río como na reorganización urbanística do contorno.

Augas de Galicia puxo en coñecemento do Concello o pasado mes de marzo o resultado dese estudo, formulando varias alternativas para a reconstrución do núcleo de Xunqueira, unha actuación urbanística e de competencia municipal, e ofrecendo colaboración económica autonómica para executala.

Transcorridos varios meses sen que o Concello de Viveiro trasladase a súa elección sobre as alternativas formuladas, a Xunta mantivo unha xuntanza cos veciños para explicarlles as distintas propostas e coñecer o seu parecer sobre as mesmas. Os veciños solicitaron o estudo de actuacións adicionais, e hoxe se lles explicou o resultado da análse.

Tal e como se lles trasladou, Augas de Galicia xa está a traballar na prevención, con tarefas de conservación e limpeza no treito interurbano do río establecidas nun protocolo de seguimento e prevé reforzar este traballo asegurando, en colaboración coa Consellería do Medio Rural, a retirada da madeira das cortas.

Ademais, instalarase sinalización para informar á poboación de que se trata dunha zona de risco de inundación.

Por outra banda, considérase imprescindible adotpar medidas que permitan aumentar a capacidade hidráulica do río para evitar o seu desbordamento. Con ese fin Augas de Galicia vai facer as obras que lle corresponden, como recuperación e ampliación da senda na ruta dos Muiños.

O aumento da capacidade hidráulica do río é tamén un condicionante imprescindible para a reconstrución responsable do núcleo de Xunqueira, de forma que se reduza de forma significativa a vulnerabilidade da poboación ante as crecidas.

As propostas de actuación presentadas hoxe pola Xunta recollen practicamente todas as demandas formuladas polos veciños, habilitando os espazos solicitados para o paso de ambulancia e camión de bombeiros. Unicamente se rexeita o mentemento dun azud porque os técnicos consideran que eleva de forma exponencial os riscos.

As actuacións de recuperación do núcleo de Xunqueira supoñen un investimento estimado de 500.000 euros e que poden cualificarse como de “ordenación urbanística” no treito urbano do río e, polo tanto son competencia municipal.

A Xunta tralsadou hoxe novamente a súa vontade de facilitar que se executen esas obras necesarias para a protección dos veciños de Xunqueira. Por ese motivo, a conselleira reiterou a disposición a cofinanciar os traballos nun terzo do seu custo, en colaboración co Concello e a Deputación de Lugo, e, ademais, a redactar os proxectos técnicos.

Ethel Vázquez lembrou que a Xunta conta cunha partida consignada a este fin nos Orzamentos da Xunta para 2020 e trasladou o seu desexo de que que se concrete un compromiso similar por parte do Concello de Viveiro e da Deputación de Lugo, tendo en conta que se trata de actuacións de competencia municipal.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 05/12/2019