Medio Ambiente compromete unha achega de máis de 250.000 euros para a redacción do PXOM do Concello de Redondela

A conselleira Ángeles Vázquez e a alcaldesa Digna Rivas asinaron hoxe un convenio de colaboración en virtude do cal a Xunta aportará en cinco anualidades o 80% do orzamento base estimable para elaborar o documento

O acordo enmárcase nos esforzos do Goberno galego por dotar aos municipios de plans adaptados á lexislación vixente e ás características particulares de cada un

Redondela (Pontevedra), 9 de decembro de 2019

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda aportará un total de 253.746,90 euros para a redacción do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Redondela. A achega do departamento autonómico suporá o 80% do orzamento base estimable para a elaboración do documento e farase efectiva de aquí ao ano 2023. Así se recolle no convenio de colaboración que asinaron esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, que condiciona o pago das distintas anualidades á tramitación do plan, a medida que o concello acredite ante a Xunta os avances na redacción do mesmo.

Cómpre lembrar que a comezos de 2015 o pleno do Concello de Redondela aprobou a adxudicación dun contrato de servizos para a redacción do PXOM deste municipio, solicitando dous anos máis tarde á Xunta unha subvención co obxectivo de sufragar parte do custo. O convenio asinado agora entre ambas administracións compromete o financiamento necesario para poder finalizar o devandito plan e garantir canto antes a súa aprobación inicial por parte do pleno municipal.

A continuación, o Concello deberá someter o documento a información pública e, despois, aprobarao provisionalmente, último paso antes de que a Xunta revise toda a documentación e, se está correcta, lle dea a aprobación definitiva ao PXOM para que todos os veciños e veciñas de Redondela poidan contar cun planeamento acorde á realidade vixente.

As actuais Normas Subsidiarias de Planeamento (NSP) de Redondela, aprobadas no ano 1987, non se adaptan á nova Lei do Solo de Galicia, nin sequera ás normas urbanísticas de rango autonómico anteriores, polo que o planeamento xeral vixente neste concello pontevedrés está totalmente obsoleto.

Tendo en conta que Redondela necesita adaptar con urxencia o seu plan á lexislación en vigor e aos condicionantes urbanísticos e socioeconómicos actuais, e que todos os concellos limítrofes teñen xa o seu plan adaptado á Lei do Solo de 2016 ou están en trámite de facelo, a Consellería de Medio Ambiente considerou oportuno e xustificado comprometer unha achega de, como máximo, 253.746,9 euros co fin de colaborar no seu financiamento.

10 millóns para axudar aos concellos cos PXOM

A Xunta de Galicia ten atribuídas as competencias específicas en materia de urbanismo, entre as que se atopan o fomento da redacción dos plans municipais co fin de que os concellos dispoñan de documentos de ordenación do territorio adaptados á lexislación vixente e ás características particulares previstas para o seu desenvolvemento.

Entre as distintas vías ás que recorre o Goberno autonómico para fomentar que os municipios conten con plans propios cómpre sinalar as ordes polas que se regula a concesión de axudas a entidades locais para a redacción dos seus plans urbanísticos. De feito, nestes momentos ten comprometidos 10 millóns de euros a través de convenios de colaboración cos concellos que están a redactar os seus planeamentos.

No caso concreto de Redondela, a Xunta asumirá o financiamento do 80% do orzamento base estimable subvencionable, tal e como se prevé nas normas de financiamento aplicables a este tipo de convenios en función da poboación de cada municipio –que, neste caso, pertence ao grupo de concellos entre 20.001 e 50.000 habitantes-.

Nestes momentos e grazas á aposta realizada pola Xunta na última década polo urbanismo responsable, son xa 105 os concellos galegos que contan cun PXOM adaptado e acorde á normativa vixente. Deste total, 75 foron aprobados por este Goberno desde o ano 2009, sendo 17 os aprobados na actual lexislatura, iniciada en 2016.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/12/2019