O titular do Goberno galego presidiu esta tarde o acto de entrega das medallas Emilia Pardo Bazán 2019
Feijóo avanza que as axudas da nova convocatoria para as vítimas de violencia de xénero que precisan respaldo económico durante un tempo serán as máis elevadas desde a súa creación en 2007

Asevera que na loita contra a violencia de xénero, lonxe de haber resignación, hai unha sociedade en pé coas armas da lei, da prevención, da axuda e da solidariedade

Afirma que Galicia está e seguirá estando na vangarda dunha loita na que non cabe a neutralidade, nin un paso atrás. “Ao contrario, caben só pasos adiante”, di

Resalta que nestas medallas Emilia Pardo Bazán están mulleres que representan á Galicia que se escribe en feminino plural e singular

A Coruña, 9 de decembro de 2019.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que Galicia está e seguirá estando na vangarda dunha loita na que non cabe a neutralidade, nin un paso atrás. “Ao contrario, caben só pasos adiante”, dixo, subliñando que esta mesma semana volveranse convocar as axudas periódicas para as vítimas que abandonan ao seu agresor e que precisan respaldo económico durante un tempo; unhas axudas que a Xunta reforzará sendo as máis elevadas desde que se crearon en 2007.

Durante o acto de entrega das medallas Emilia Pardo Bazán 2019, Feijóo aseverou que na loita contra a violencia de xénero, lonxe de haber resignación, hai unha sociedade en pé coas armas da lei, da prevención, da axuda e da solidariedade. “E que, no eido político, se concretaron no Pacto contra a violencia de xénero alcanzado por todos a nivel estatal”, precisou.

Ao fío disto, resaltou que nestas medallas están mulleres que representan á Galicia que se escribe en feminino plural e singular: “O labor de Olga Sotelo, presidenta da Asociación de diagnosticadas e diagnosticados de cancro de mama, defínese con palabras como apoio, comprensión, solidariedade e diálogo”, resaltou, referíndose tamén ao grupo de galegas que decidiron bautizarse como “Mulleres de seu”, para facer visibles os avances en igualdade no rural. Unha iniciativa, cuxa alma é a vicepresidenta de Cooperativas Lácteas Unidas, Carmen Rodríguez, e que demostra que non só na Galicia urbana se produciu unha evolución na situación e consideración das mulleres.

Así mesmo, e tras unha formidable experiencia xurídica nos xulgados de Sevilla e no Observatorio contra a violencia doméstica e de xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial, Feijóo quixo agradecer a Ángeles Carmona o poder contar co seu apoio nas medidas en materia de igualdade que Galicia pon en marcha.

Ao longo da súa intervención, o responsable do Goberno galego recordou o discurso “Defensa de las mujeres” (1726) do Padre Feijoo e que servirá de inspiración a Emilia Pardo Bazán para un dos seus primeiros traballos, titulado “Estudio crítico de las obras del Padre Feijoo, como mostra de que sempre houbo homes e mulleres que entenderon que a reivindicación da muller non era outra cousa que o rescate dunha parte da humanidade perdida debido á ignorancia e á maldade. “E dinos tamén que galegas e galegos egrexios souberon anticiparse aos tempos, rachar cos malos convencionalismos e obrigar ao conxunto da sociedade a enfrontarse á verdade incómoda da exclusión feminina”, explicou.

Feijóo concluíu aseverando que tres séculos despois a reivindicación feminina acada un consenso por riba das diferencias de xénero, do que só se exclúen posicións extremas e intolerantes, que mesmo terían provocado a reacción daquel polígrafo beneditino de Pereiro de Aguiar.

“Todos eses ecos procedentes do pasado dinnos que sigamos adiante e fagamos de Galicia un fogar solidario e igualitario de mulleres e homes. Sigámolo facendo. Nin un paso atrás. Só pasos adiante”, sentenciou.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/12/2019