A Xunta ofertará 200 prazas en cursos para traballadores desempregados no Centro de Formación Ocupacional de Lugo

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá 290.500 euros nesta oferta a desenvolver nos vindeiros meses

Lugo, 10 de decembro de 2019

A Consellería de Economía, Emprego e Industria programou para o vindeiro ano unha oferta formativa con 200 prazas para traballadores desempregados no Centro de Formación Profesional Ocupacional de Lugo.

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, sinalou que a Xunta investirá 290.500 euros en 13 cursos que se irán poñendo en marcha nos vindeiros meses. O obxectivo é mellorar a empregabilidade dos participantes proporcionándolles novos coñecementos en especialidades con boas perspectivas de integración no mercado laboral.

Balseiro explicou que os participantes que superan os cursos acceden a un certificado de profesionalidade, que os habilita para exercer o oficio aprendido en todo o Estado. Os alumnos son seleccionados a través das oficinas de emprego, se ben os traballadores ocupados que estean interesados na materia poden optar ata a un 25% das prazas no caso de que non se cubriran en primeira instancia.

A consellería vén de seleccionar ás entidades que se encargarán de impartir as diferentes accións formativas. O primeiro curso en poñerse en marcha, no mes de febreiro, será o de “Montaxe, posta en servizo, mantemento, inspección e revisión de instalacións receptoras e aparellos de gas”, que corre a cargo da Fundación Laboral da Construción. En abril, esta entidade impartirá outro sobre “Montaxe e mantemento de sistemas domóticos e inmóticos”.

Ao longo do ano ofertaranse tamén accións formativas relacionadas coa xestión contable e administrativa, xardinaría, montaxe e reparación de sistemas microinformáticos, soldadura, atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e electromecánica de vehículos.

O delegado lembrou que o centro de formación de Lugo non só programa cursos propios senón que é tamén un referente para accións formativas doutras entidades ou para os procesos de recoñecemento da experiencia laboral. Neste sentido, é sede para o procedemento de recoñecemento da experiencia profesional no eido da atención ás persoas en situación de dependencia, tanto en institucións como a domicilio. Alí se realizan as probas para que quen teña traballado neste ámbito poida acreditar os coñecementos adquiridos e obter un título oficial.

Data de actualización: 10/12/2019