O titular da Xunta presidiu esta mañá o acto de sinatura cos axentes sociais e económicos do cuarto acordo desde a súa chegada ao Goberno galego
Xunta e axentes sociais e económicos asinan un novo acordo do Diálogo Social, que Feijóo ve exemplo de que Galicia volve estar á altura dun momento que esixe responsabilidade de todos

Precisa que este acordo asinado entre Xunta, UGT, CC.OO e CEG recolle medidas para reducir a brecha salarial, para concretar os contidos mínimos da formación en igualdade e para revisar os protocolos de recoñecemento da igualdade nas empresas

Asevera que inclúe tamén un plan para a recualificación profesional dos parados de longa duración maiores de 45 anos, un Programa de axudas ás empresas para a contratación de relevistas e axudas para o mantemento dos empregos ante flutuacións económicas

Avanza a posta en marcha dunha Axenda de transición enerxética xusta e ordenada, que se defenderá desde a Xunta, que buscará contar co maior consenso social e que se pedirá que sexa asumida polo Goberno central

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2019

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, presidiu esta mañá o acto de sinatura do novo acordo no marco do Diálogo Social cuxo obxectivo, aseverou, será o de acadar unha Galicia máis forte no económico e no social, pero, sobre todo, unha Galicia máis igualitaria e máis sustentable. Asinado entre Xunta, UGT, CC.OO. e a Confederación de Empresarios de Galicia, “este novo pacto do Diálogo Social dá pasos para avanzar no social e dá pasos para avanzar no económico. Pero tamén dá pasos para que Galicia poida seguir confiando en si mesma, na súa responsabilidade e na súa unidade para abordar os retos que temos en común”, dixo.

Para alcanzar máis igualdade, Feijóo precisou que este cuarto acordo desde a súa chegada ao Goberno galego, que a Xunta asina cos axentes sociais e económicos, recolle medidas para reducir a brecha salarial, xa que, malia que este indicador baixou en case catro puntos nos últimos 5 anos, hai que seguir avanzando; e medidas para concretar os contidos mínimos da formación en igualdade e tamén para revisar os protocolos de recoñecemento da igualdade nas empresas, co obxectivo de cada paso que se dea neste eido sexa o máis homoxéneo posible e se faga prestando especial atención ao emprego feminino e xuvenil.

Así mesmo, e ademais de iniciativas para seguir mellorando a igualdade de oportunidades dos traballadores, tanto desde a promoción como desde a acción, o presidente da Xunta afirmou que con esa sinatura acadouse tamén unidade para unha maior responsabilidade social, a través da renovación do compromiso de definir de forma coordinada cales deben ser as cláusulas sociais na contratación pública, “porque pensamos que é unha ferramenta útil para unha maior cohesión social de Galicia”.

Por outra banda, e co obxectivo de modernizar as relacións laborais, o texto avoga pola posta en marcha dun novo procedemento para a solución fóra do ámbito xudicial de conflitos laborais individuais. “Unha resolución pioneira en Galicia, polo seu alcance e que se incorpora agora ao Diálogo Social tras pecharse un acordo sobre o Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo que acadamos no Consello de Relacións Laborais”, precisou.

Ao longo da súa intervención, e de cara a acadar máis emprego e de mellor calidade, Feijóo aseverou que a cooperación inclúe tamén un plan para a recualificación profesional dos parados de longa duración maiores de 45 anos, un Programa de axudas ás empresas para a contratación de relevistas, así como a posta en marcha de axudas para favorecer o mantemento dos empregos ante flutuacións económicas.

No tocante á transformación da industria galega, o responsable autonómico subliñou que con este novo texto acórdase que Galicia siga mirando ao futuro e despregando a Axenda Industria 4.0. Unha guía que inclúe recursos suficientes: 350 millóns de euros, que permitirán mobilizar 900 millóns para crear no período 2019-2022 arredor de 13.500 postos de traballo.

“Seguiremos traballando na procura dunha industria máis competitiva e na liña do feito ata o de agora, cunha Axenda 4.0 que entre 2015-2018 prestou apoio a 9.000 iniciativas empresariais mobilizando 935 millóns entre recursos públicos e investimento privado”, abundou.

Feijóo referiuse tamén ao compromiso dunha transición no ámbito enerxético xusta. E, para elo, avanzou a posta en marcha dunha Axenda de transición enerxética xusta e ordenada, que se defenderá desde a Xunta, que buscará contar co maior consenso social e que se pedirá que sexa asumida polo Goberno central.

O presidente do Executivo galego lembrou que a Xunta, os sindicatos e a patronal en Galicia teñen logrado acordos de todo tipo e en momentos de crise e en momentos de crecemento, “o que pon de manifesto que a Mesa do Diálogo Social en Galicia non pensa nin no quen, nin no cando, senón no como e no para que”, dixo, poñendo en valor a Galicia que acorda, que coopera e que antepón o interese xeral.

“Nun momento no que é preciso máis responsabilidade e máis xenerosidade e, nun momento, no que a situación económica esixe que nos acheguemos para conter xuntos as posibles dificultades que van vir, Galicia volve responder, volve estar á altura e volve a ser un exemplo para o conxunto de España”, concluíu.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/12/2019