O conselleiro do Medio Rural visitou unha adega en Larouco e unha explotación de vacún de carne no Bolo
A Xunta achegará 3,5 millóns de euros nos dous próximos anos para apoiar a mellora da elaboración e comercialización do viño galego

José González destacou que estas subvencións se suman ás recentemente convocadas para promoción deste produto en países fóra da Unión Europea e que aínda se poden solicitar ata o vindeiro 14 de xaneiro

En relación co vacún de carne, salientou que Galicia ocupa o segundo posto dentro de España en número de cabezas de gando bovino e o terceiro por reses sacrificadas

Reiterou que as axudas para explotacións en zonas con limitacións naturais ou outras específicas -como son as de áreas de montaña- seguirán tendo orzamento para o vindeiro ano e poderanse atender as súas solicitudes

Larouco (Ourense), 10 de decembro de 2019

O sector vitivinícola galego disporá de axudas por importe de 3,5 millóns de euros no período 2020-2021 para mellorar as súas instalacións de elaboración e comercialización. Este é o orzamento da vindeira convocatoria destas achegas, que sairá publicada proximamente no Diario Oficial de Galicia (DOG), tal e como anunciou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, durante a súa visita á adega de Luar do Sil, situada no concello ourensán de Larouco e pertencente á denominación de orixe Valdeorras.

O conselleiro destacou que estas subvencións se suman ás recentemente convocadas para promoción do viño galego en países fóra da Unión Europea e que aínda se poden solicitar ata o vindeiro día 14 de xaneiro. José González salientou que o importe total de ambas liñas suma 5,6 millóns de euros e puxo en valor tamén outros traballos a prol do sector por parte da Xunta, como é a actualización do Rexistro Vitícola de Galicia, actualmente en marcha cun orzamento de 916.000 euros para o período 2019-2020.

Nesta mesma liña, o titular de Medio Rural situou a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas galegas, que impulsa a Xunta e que coordina a Fundación Juana de Vega, dotada cun presuposto de 750.000 euros. Lembrou que estes labores teñen carácter transversal, xa que reúnen territorio, economía e turismo para poñer en valor este recurso.

Trátase, segundo explicou o conselleiro, de aproveitar o valor do viño para lograr un desenvolvemento territorial integrado, coordinado e consensuado, que conte con todos os axentes clave do territorio. Procúrase mellorar o posicionamento do produto, de maneira especial nos mercados exteriores, reforzar a imaxe de marca e identidade vinculada aos diversos territorios e mellorar a eficacia da promoción e comercialización de produtos turísticos relacionados directamente co sector vitivinícola.

Esta adega Luar do Sil -que hoxe coñeceu o conselleiro en compañía da alcaldesa de Larouco, Patricia Lamelas- transforma anualmente arredor de 117 toneladas de uva godello, colleitadas nunha superficie de viñedo dunhas 13 hectáreas.

Vacún de carne

Tras visitar a adega, o conselleiro desprazouse ata o municipio lindeiro do Bolo, no que coñeceu unha explotación de vacún de carne no lugar de Cambela, acompañado polo alcalde da localidade, Manuel Corzo. Alí amosou o seu orgullo pola importancia do sector cárnico galego, que sitúa á nosa comunidade como o segundo territorio nacional en número de cabezas de gando bovino e o terceiro por reses sacrificadas. Neste sentido, puxo en valor que Galicia acumule arredor do 14% do censo nacional, segundo os últimos datos oficiais do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Ademais, José González salientou o lugar destacado da nosa comunidade no que atinxe á carne de vacún producida baixo o amparo de denominacións de calidade, como son Ternera Gallega e Vaca e Boi de Galicia. Lembrou, nesta liña, que a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega aglutina máis da metade do total nacional amparado por este tipo de selos de calidade. Precisamente o conselleiro situou a calidade como unha das liñas estratéxicas do traballo do seu departamento e lembrou que Galicia conta con ata 35 producións amparadas por esta clase de indicativos, que distinguen a excelencia das nosas producións agroalimentarias.

Esta explotación de vacún de carne conta actualmente cun censo de arredor de 80 animais e dispón dunha superficie de 38 hectáreas, todas elas de cultivos forraxeiros (a maior parte corresponden a pastos permanentes). Está integrada na Agrupación de Defensa Sanitaria Agrogandeira da Veiga.

Axudas en zonas de montaña

Por outra banda, o conselleiro reiterou nesta visita que as axudas para explotacións en zonas con limitacións naturais ou outras limitacións específicas -como son as situadas en áreas de montaña- seguirán tendo orzamento para o vindeiro ano e poderanse atender as solicitudes das situadas nese ámbito territorial.

Nesta mesma liña, José González lembrou ademais que Galicia ten xa executado o 45,45% dos fondos do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) 2014-2020, fronte á media española que se sitúa no 38%, e que a nosa comunidade é a primeira autonomía española en porcentaxe de execución, superando a outras comunidades autónomas con programas relevantes e semellantes ao galego (de case 900 millóns de euros).

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/12/2019