O DOG publica hoxe o anuncio do concurso de ideas para converter o Pazo de Quián no “espello do rural galego”

Búscase transformar o predio de Sergude, onde están situadas as instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agraria e o propio pazo, nun centro de promoción e imaxe dos produtos agrícolas, gandeiros e forestais de Galicia

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2019

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe un anuncio da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), adscrita á Consellería do Medio Rural, polo que se convoca o concurso de ideas para converter o Pazo de Quián, en Sergude (Boqueixón) no espello do rural galego. O obxecto deste concurso é a transformación do predio de Sergude, onde están situadas as instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agraria e o Pazo de Quián, nun centro de promoción e imaxe dos produtos agrícolas, gandeiros e forestais de Galicia.

O gañador do primeiro premio deste concurso (dotado con 40.000 euros) poderá ser tamén o adxudicatario do contrato de servizo de redacción do proxecto básico e de execución, así como da dirección da obra ulterior. O procedemento establece tamén outros catro premios, a maiores, dotados con entre 25.000 e 10.000 euros. Nesta primeira fase, o concurso contará cun orzamento de 1,2 millóns de euros, que inclúe os custos dos proxectos básico e de execución, así como da dirección de obra, pero o conxunto da intervención no pazo e a súa contorna suporá un investimento global de dez millóns de euros.

Trátase de crear un espazo que propicie unha visión global do que é o medio rural galego desde o punto de vista agropecuario, forestal, hortofroitícola, etc. Por iso, o pazo e a súa contorna (que conta cunha superficie de arredor de 100 hectáreas) converteranse nunha reprodución visitable da ordenación do territorio que se pretende para o rural galego cos tres usos: forestal, agrícola e gandeiro.

A data límite de presentación de proxectos será de tres meses desde a publicación do anuncio de licitación no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE), que se fará proximamente. A documentación deberá presentarse directamente na sede da Agacal, en Santiago de Compostela, a onde os interesados deberán dirixirse tamén para obter máis información.

Enlace ao anuncio no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2019/20191211/AnuncioG0528-051219-0001_gl.html

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/12/2019