Medio Ambiente concede 270.000 euros en axudas a proxectos municipais para a posta en valor das seis reservas da biosfera

Este foi o primeiro ano que se convocou unha orde de subvencións dirixida a entidades locais pertencentes a algunha das seis reservas da biosfera que hai en Galicia co fin de contribuír a potenciar e poñer en valor estes espazos naturais

Unha vez se logre esta declaración por parte da Unesco para a Ribeira Sacra, o 42% do territorio galego quedará amparado baixo algunha figura de protección

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2019

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publicou hoxe no DOG a resolución cos 16 concellos beneficiarios da orde de axudas para a realización de estudos e investimentos vinculados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica nos espazos que forman parte da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia. En total, concedéronse 270.173,83 euros en subvencións, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Cómpre subliñar que este foi o primeiro ano que a Xunta puxo a disposición dos concellos localizados nalgunha das seis reservas da biosfera da comunidade unha liña de subvencións específica dirixida a potenciar e poñer en valor este tipo de espazos naturais. E de cara ao vindeiro exercicio, os orzamentos da Consellería volven contemplar unha partida co mesmo fin, polo que haberá unha nova convocatoria dirixida a colaborar cos concellos na potenciación destas zonas.

A orde enmárcase nas axudas recollidas no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia para o período 2014-2020 e está cofinanciada con fondos europeos. A finalidade é promover a conservación e valorización do patrimonio natural e cultural de zonas rurais cun contrastado valor, como as reservas da biosfera, unha figura de carácter internacional creada pola Unesco para mellorar a relación das persoas coa súa contorna natural.

A convocatoria se fixo aberta aos 64 concellos incluídos no ámbito territorial das seis reservas da biosfera que existen en Galicia: Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá (ambas na provincia de Lugo); río Eo, Oscos e Terras do Burón (tamén en Lugo pero compartindo territorio co Principado de Asturias); Área de Allariz (en Ourense); As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo (A Coruña); e Xurés-Gerês (a única reserva da biosfera transfronteiriza entre Galicia e Portugal).

Cómpre lembrar, en todo caso, que a Xunta aspira a ampliar a sete o seu número de reservas da biosfera, un dos recoñecementos de carácter internacional máis importantes en relación coa conservación e o uso sustentable do patrimonio. Así, ten xa moi avanzada a tramitación para poder presentar oficialmente este mesmo ano ante a Unesco a candidatura da Ribeira Sacra e serras do Oribio e Courel a reserva da biosfera.

Coa futura incorporación deste espazo, a superficie amparada baixo algún tipo de figura de protección representará o 42% do territorio galego, de aí a importancia desta candidatura para a preservación e o recoñecemento internacional do patrimonio natural da comunidade.

Accións e investimentos subvencionados

A continuación, detállase a relación de concellos beneficiarios, os nomes de todas as actuacións subvencionadas e a Reserva da Biosfera na que se enmarca cada unha.

 

CONCELLO
RESERVA

NOME DA ACTUACIÓN

IMPORTE
Trabada

Río Eo, Oscos e Terras de Burón

Recuperación e rehabilitación na área recreativa da Choza e Fraga da Belosiña

12.080 €
A Pontenova
Río Eo, Oscos e Terras de Burón

Campaña de concienciación e promoción da reserva da biosfera

13.850 €
Ribeira de Piquín
Río Eo, Oscos e Terras de Burón

Campaña de sensibilización ambiental e inventario de recursos naturais e patrimoniais

10.000 €
Cospeito
Terras do Miño

Mellora do centro de interpretación da lagoa de Cospeito

22.196,82 €
Guitiriz
Terras do Miño

Restauración da pasarela da ruta de sendeirismo da Auga e inventario de anfibios, réptiles e cabaliños do demo

9.000 €
Navia de Suarna

Ancares lucenses Montes de Navia, Cervantes e Becerreá

Adquisición de paneis informativos para o Concello de Navia de Suarna

10.370,75 €
Cervantes

Ancares lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá

Conservación do patrimonio natural e cultural a desenvolver no Concello

14.040 €
Curtis

Mariñas coruñesas e Terras do Mandeo

Campaña de concienciación ambiental do Concello de Curtis

13.335 €
Miño

Mariñas coruñesas e Terras do Mandeo

Mellora das condicións ecolóxicas, ambientais e paisaxísticas do río Xario

30.000 €
Abegondo

Mariñas coruñesas e Terras do Mandeo

Proxecto de mellora do camiño en Orto de Arriba

23.399,87 €
Bande
Gerês-Xurés

Sinalización dos elementos turísticos do Concello de Bande dentro da Reserva da Biosfera

23.035,18 €
Calvos de Randín
Gerês-Xurés

Mellora do sendeiro denominado camiño privilexiado do antigo Couto Mixto

10.117,25 €
Entrimo
Gerês-Xurés

Creación dun centro de interpretación da natureza en San Fiz de Gález

18.960 €
Lobeira
Gerês-Xurés

Mellora da senda peonil Leboreiro-Cabreira nos tramos próximos aos núcleos tradicionais da Fraga e de Baldemir

8.233,35 €
Lobios
Gerês-Xurés

Mellora da senda peonil en Vilameá

23.919,12 €
Muíños
Gerês-Xurés

Mellora da senda peonil do núcleo tradicional de Prado-núcleo tradicional de Xermade-Poza da Fecha- Dolmen Casiña da Moura en Muíños

27.236,52 €
Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/12/2019