A Xunta presenta a Rede Galega de Preparación para a Reutilización co reto de impulsar o novo modelo de economía circular en Galicia

A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, abriu hoxe a reunión preparatoria que sentará as bases do traballo desta nova rede

Ao longo deste ano a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda promoveu diversas accións para poñer en marcha en Galicia un espazo transversal de colaboración aberto a todos os ámbitos que promova, impulse e execute proxectos baseados na filosofía multierre na produción e xestión dos residuos

O pasado mes de outubro empezou a desenvolverse unha experiencia piloto no Concello de Valga, coa posta en marcha dun espazo municipal de reparación e intercambio de enxoval, roupa e outros materiais

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2019-

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, acaba de lanzar oficialmente a nova Rede Galega de Preparación para a Reutilización e Reparación (PxR), concibida como un espazo transversal de intercambio de coñecementos e experiencias nesta materia e que nace tamén para impulsar proxectos colaborativos dirixidos á preparación para a reutilización, co reto de contribuír á transición cara a un modelo de economía circular na comunidade que supere o actual sistema de consumo lineal.

A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, foi a encargada de abrir esta mañá en Santiago a primeira reunión da nova Rede Galega PxR, que congregou a un cento de persoas entre representantes de concellos, membros do eido universitario e empresarial (como xestores de residuos e consultoras) e asociacións de carácter ambiental e social, entre outros. De feito, como explicou Ferreira Costa, o obxectivo principal desta rede é sumar apoios e colaboracións desde todos os ámbitos posibles: empresarial, educativo e, por suposto, tamén institucional.

Con esta intención, lembrou que a finais do mes de novembro e coincidindo coa Semana Europea da Prevención de Residuos, a Xunta abriu a convocatoria para que todos os axentes interesados en participar en proxectos de preparación para a reutilización e a reparación en Galicia puideran sumarse ao proxecto. As inscricións canalizáronse a través da web mellorrepararquetirar invitando a todos a participar nesta primeira reunión preparatoria, que servirá á vez de escaparate para lanzar oficialmente a Rede Galega PxR.

Ao longo de 2019, segundo detallou a directora xeral, a Consellería de Medio Ambiente desenvolveu diversas actuacións baseadas no fomento das boas prácticas neste ámbito. Entre elas, cómpre subliñar a creación dunha base de datos de experiencias e proxectos de preparación para a reutilización e reparación, así como dos axentes (públicos e privados) que xa están vinculados a este tipo de accións en Galicia –unhas 600 entidades-.

Máis recentemente, o pasado mes de outubro, púxose en marcha unha proba piloto en Valga, coa apertura dentro do Centro Ocupacional de Discapacitados (CODI) dun espazo municipal de reparación e intercambio de enxoval, obxectos e outros materiais, coa habilitación tamén de talleres formativos e de sensibilización para a cidadanía.

Así mesmo, ao longo do ano tamén se habilitou un espazo transversal de debate e colaboración para facilitar o intercambio de coñecemento en preparación para a reutilización e reparación, a través do fomento do traballo en rede de distintos grupos de interese. Este esforzo plasmouse en novembro na posta en funcionamento da web mellorrepararquetirar, coa que se busca dotar dun entorno virtual que dea soporte ao conxunto do proxecto e a todos os seus membros, e o deseño dun logotipo identificador da Rede Galega PxR.

O obxectivo final é impulsar a colaboración entre distintos tipos de entidades e administracións para intercambiar experiencias, desenvolver proxectos colaborativos, detectar necesidades e, en suma, abrir un debate multilateral para a efectiva creación dunha rede de entidades e establecementos implicados na preparación para a reutilización e reparación en toda a comunidade, un concepto moi ligado á filosofía multierre que avoga por alongar o maior tempo posible a vida útil dos materiais e recursos.

“Con iniciativas como esta Rede Galega PxR pretendemos entre todos instalar a Galicia nunha senda sostible e cun modelo de economía circular onde os residuos se convertan en recursos, pechando os ciclos de todos os materiais que empregamos a diario”, indicou Ferreira Costa, quen engadiu que “esta transición” só se pode facer “traballando man a man, as administracións, as empresas e toda a cidadanía”.

Colaboración da Xunta cos concellos

Neste sentido, precisamente, a responsable de Calidade Ambiental e Cambio Climático lembrou que este proxecto se enmarca dentro do Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia (PXRUG) 2010-2022, que desenvolve todo un programa de accións coa finalidade de mellorar a xestión dos residuos domésticos e avanzar cara ao modelo de economía circular. Entre os eixos de actuacións deste programa, as iniciativas encamiñadas cara á prevención na xeración de residuos teñen un carácter preferente.

Así, fixo un repaso polas iniciativas máis salientables do seu departamento neste ano para axudar e apoiar aos concellos á hora de xestionar o seu lixo. En materia de biorresiduos, nos últimos meses impulsáronse catro proxectos demostrativos ou piloto para a xestión diferenciada da materia orgánica noutros tantos concellos con distinta tipoloxía territorial: As Nogais, onde se desenvolve unha iniciativa de compostaxe doméstica; Mondoñedo, que conta desde hai un mes cunha área de compostaxe comunitaria no núcleo urbano; Santa Comba, que vai impulsar a recollida da fracción orgánica a través do chamado quinto contedor; e Arteixo, onde o proxecto vai dirixido aos grandes produtores de biorresiduos.

Ademais destas catro iniciativas a nivel municipal, este curso tamén se está a desenvolver un proxecto pioneiro de compostaxe escolar en 30 centros educativos galegos co fin de ensinar a converter en compost os biorresiduos que se xeran nos seus propios comedores.

No apartado de subvencións dirixidas ás entidades locais, o pasado verán resolveuse a convocatoria de axudas para a mellora da xestión dos residuos municipais, resultando seleccionados seis proxectos de nova implantación da recollida separada da fracción orgánica e outras 24 solicitudes para a implantación de puntos limpos móbiles noutras tantas entidades municipais. Na mesma liña, tamén se repartiron nos dous últimos anos 4.670 contedores marróns grazas aos cales 44 concellos e unha mancomunidade poderán poñer en marcha xa a recollida separada dos seus biorresiduos.

Así mesmo, María Cruz Ferreira tamén se referiu ao traballo de sensibilización e concienciación desenvolvido para reducir o uso das bolsas de plástico a través da campaña Menos bolsas, máis vida, que incluíu dous concursos de deseño –un deles dirixido a escolares de Primaria e o outro a alumnado das escolas superiores de arte e deseño de Galicia- dos que saíron as imaxes que se utilizaron para imprimir miles de bolsas de tea para a merenda e tamén noutros formatos de uso comercial.

A todas estas medidas, engadiu a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, cómpre engadir a nova Lei de Residuos, a piques de iniciar a súa tramitación parlamentaria e que incidirá na prevención e reutilización dos residuos fixando obxectivos máis ambiciosos incluso que os que establece o propio marco normativo estatal, e a Estratexia Galega de Economía Circular, unha folla de ruta a 10 anos vista co reto de impulsar a transición da comunidade do actual modelo produtivo lineal cara a outro circular, máis racional e eficiente.

Obrigas impostas pola UE

Cómpre lembrar que con este conxunto de accións, ao que se suma oficialmente desde hoxe a nova Rede Galega PxR, o departamento autonómico busca dotar ás entidades locais galegas de ferramentas que lles permitan avanzar no cumprimento dos obxectivos de preparación para a reutilización e reciclaxe establecidos na recente modificación da Directiva comunitaria de Residuos.

De acordo con esta modificación, o vindeiro ano o 50% dos residuos xerados no eido doméstico e comercial deberán estar preparados para reciclar. Ademais, nesta modificación obrígase tamén aos Estados membros a implantar a recollida separada da fracción orgánica dos residuos –unha competencia municipal- antes do 31 de decembro do ano 2023.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/12/2019