Xunta e COAG colaboran para impulsar o uso da madeira na construción e contribuír á aposta de Galicia pola bioeconomía

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou esta mañá en Vigo as obras de rehabilitación dun edificio con estrutura de piñeiro

Preténdese poñer en valor a madeira estrutural como material de calidade alternativo co deseño de actuacións conxuntas de difusión, transferencia de coñecemento e formación

A Axenda de impulso á industria forestal pretende promover a bioeconomía e a modernización deste sector coa formación de máis de 5600 persoas, o apoio a 350 pemes e a mobilización de máis de 125M€ ata 2021

A industria forestal consolídase en Galicia cun aumento da facturación, en 2018, do 2%, do emprego no 4,8% e das exportacións nun 4,6%

Vigo, 12 de decembro de 2019

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe en Vigo, na rúa Santiago, as obras de rehabilitación integral dun edificio con estrutura de piñeiro tea de Arrobake Arquitectos que recibiu asistencia técnica do CIS Madeira. Durante o encontro tamén se asinou co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) un convenio de colaboración para promover o uso da madeira na construción. Deste xeito, a Xunta ratifica a súa aposta pola bioeconomía como modelo de crecemento que fomenta o emprego verde, o consumo de produtos locais e o compromiso medioambiental para contar cunha Galicia máis verde.

O acordo ten como obxectivo poñer en valor a madeira estrutural como material de calidade alternativo na construción a través do deseño de actuacións conxuntas para difundir as súas vantaxes sociais, ambientais e económicas; colaborar na transferencia de coñecemento mediante o asesoramento mutuo e promover a formación e divulgación de produtos.

Neste sentido, a Xunta promove proxectos que reflicten este compromiso como o edificio visitado hoxe en Vigo, tres centros de saúde en Moaña, A Laracha e O Porriño; a escola infantil da Galiña Azul da Estrada ou as actuacións realizadas nas instalacións da Xunta en San Caetano.

Este compromiso está presente tamén na Axenda de impulso á industria forestal que ten como obxectivo impulsar a bioeconomía, modernizar o sector e fomentar actuacións que xeren máis valor na cadea monte-industria a través de apoios a máis de 350 pemes, da formación de 5600 persoas e da mobilización de 125M€.

A industria forestal estase consolidando en Galicia segundo amosan os últimos datos, xa que en 2018 se alcanzaron os 2300M€ de facturación (crecendo un 2%), o emprego aumentou nun 4,8% ata os 21.190 asalariados directos e as exportacións medraron un 4,6%.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/12/2019