A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, interveu hoxe na Comisión 2ª no Parlamento de Galicia
A Xunta salienta que os estudos técnicos confirman a ampliación da depuradora como a opción de menor impacto territorial e de maiores garantías para o saneamento da ría de Pontevedra

Teresa Gutiérrez destaca que o Plan de saneamento local identificou 100 incidencias nas redes municipais que foron comunicadas aos concellos coa correspondente proposta de actuación

Indica que a Xunta está a avanzar no saneamento da ría para cumprir co mandato da Unión Europea, preservar a calidade das augas e garantir o futuro da actividade marisqueira, acuícola e turística

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2019

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, salientou hoxe que os estudos técnicos confirman que a ampliación da depuradora dos Praceres é a opción de menor impacto territorial e maiores de eficacia para acadar o saneamento da ría de Pontevedra.

Sobre as propostas de construción de pequenas estacións depuradoras, a directora salientou que iso faría necesario modificar a configuración completa dos sistemas de saneamento de todos os concellos que actualmente dirixen ás súas redes á depuradora dos Praceres, e que esta requiriría, igualmente, dunha ampliación parar dar servizo á poboación de Pontevedra.

Na súa intervención na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia, Teresa Gutiérrez subliñou o traballo impulsado para a mellora do saneamento da ría de Pontevedra, unha prioridade para a Xunta, ao tempo que lembrou a obriga dos Concellos de vixiar os vertidos das augas industrias ás redes locais.

A directora de Augas de Galicia informou de que o Plan de saneamento local da ría de Pontevedra está practicamente rematado e ten xa definidas as principais propostas e actuacións necesarias, sobre as que está xa a avanzar a Xunta.

Destacou que o Goberno galego impulsa o saneamento da ría de Pontevedra para cumprir co mandato da Unión Europea, preservar a calidade das augas e garantir o futuro da actividade marisqueira, acuícola e turística.

De acordo co Plan de saneamento da ría de Pontevedra, a Xunta iniciará proximamente as obras de mellora do proceso depurativo dos Praceres cun orzamento de 16 millóns de euros e a continuación a construción do novo emisario submarino, licitado por 12 millóns de euros.

Ademais, tense iniciado a tramitación ambiental para a ampliación da depuradora, que contará cun investimento duns 50 millóns de euros, necesaria para a incorporación dos procesos de eliminación de nitróxeno e fósforo e para dar cumprimento ás esixencias europeas.

Teresa Gutiérrez explicou tamén como durante os traballo de desenvolvemento do Plan detectáronse máis de 100 incidencias nas redes municipais, que foron comunicadas aos concellos cos correspondente proposta de actuación.

Finalmente Teresa Gutiérrez, amosou o compromiso do Goberno galego de seguir traballando pola mellora do saneamento da ría de Pontevedra buscando a mellor solución desde un punto de vista técnico, económico, social e ambiental. Isto, intentando minimizar os impactos ambientais e sociais que poden ter este tipo de actuacións e traballando en prol do crecemento da ría e dos seus fundamentais sectores produtivos, actividade marisqueira, turismo, que se verán beneficiados por estas actuacións.

Data de actualización: 12/12/2019