A Xunta intensifica de cara ás compras de Nadal os controis de seguridade de xoguetes e outros produtos como as grilandas

Como cada ano, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) puxo en marcha actuacións específicas de inspección e análise, centradas nos xoguetes para menores de 3 anos e nas grilandas luminosas

Grazas ao labor da inspección de Consumo e do Laboratorio de Consumo de Galicia, a Comunidade é líder na vixilancia e control do mercado

No 2018, o IGCC foi a autoridade de Consumo que máis produtos perigosos notificou á Rede de Alerta estatal, cun total de 98

Desde a Escola Galega de Consumo estanse a celebrar charlas participativas sobre consumo responsable orientadas ao Nadal, con máis de 3.000 participantes

Entre as diferentes recomendacións que se achegan está a de optar por grilandas a pilas, fronte ás que se enchufan á rede eléctrica

Tamén se aconsella elaborar un presuposto coa cantidade dispoñible e comprar con antelación, conservar os tíckets de compra ou comprobar que os artigos contan co marcado CE

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2019

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), intensifica como cada ano os controis de seguridade dos produtos que están á venda, co obxectivo de protexer os dereitos dos consumidores de cara ás compras de Nadal. Así, no marco dunha nova edición da campaña Infonadal Consumo, nas últimas semanas reforzáronse as actuacións que realizan durante todo o ano de xeito coordinado a inspección de Consumo e o Laboratorio de Consumo de Galicia.

Estas tarefas compleméntanse con información e formación en materia de consumo responsable a través da Escola Galega de Consumo, que está a celebrar charlas participativas coa participación de máis de 3.000 persoas, principalmente alumnado dos centros educativos, organizacións de consumidores e outros colectivos.

Os controis realizados no marco de Infonadal céntranse este ano nos xoguetes para menores de tres anos e nas grilandas luminosas. A inspección de Consumo é a encargada de tomar as mostras no mercado, que posteriormente se envían ao Laboratorio de Consumo de Galicia, o único oficial público acreditado pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) para o análise deste tipo de produtos.

No caso de que se constate que algún destes artigos presenta riscos, procédese a notificar á Rede de alerta de produtos de consumo non alimenticios (SIRI), un sistema de información que funciona a nivel nacional e europeo e que permite a rápida adopción de medidas de reacción coordinadas para garantir a seguridade dos consumidores, como a inmobilización do produto, a retirada do mercado ou a modificación daquelas características que o converten en inseguro.

Por outra banda, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia tamén intensifica a vixilancia no cumprimento das obrigas dos establecementos que poñen os seus produtos a disposición dos consumidores: indicación de prezos, etiquetado, publicidade ou existencia de follas informativas.

A posta en marcha da campaña Infonadal Consumo enmárcase na intensa labor de control do mercado que realiza durante todo o ano o IGCC, que sitúan a Galicia como unha das comunidades que máis produtos industriais perigosos detecta cada ano. No 2018, o IGCC foi a autoridade de Consumo que máis produtos perigosos notificou á Rede de Alerta estatal, cun total de 98, aos que hai que sumar dúas alertas notificadas directamente polos produtores. Así, o IGCC logra atopar 1 de cada 4 produtos inseguros detectados en España por actuacións de control de mercado. Para lograr estas cifras, realizáronse preto de 10.000 ensaios en 520 mostras de produto.

Consellos para mercar os xoguetes

Á hora de mercar os xoguetes, o IGCC resalta unha serie de consellos para garantir a seguridade e a idoneidade dos mesmos. Ademais de recomendar que se opte por grilandas a pilas, fronte ás que se conectan á rede eléctrica, no caso dos xoguetes resulta fundamental comprobar que sexan axeitados á idade e ás habilidades físicas do neno, e asegurarse de que dispoñen do marcado CE.

Tamén hai que comprobar que na etiqueta figura o nome e o enderezo do responsable do produto, ler as instrucións de manexo e as advertencias, e constatar que a etiqueta e as instrucións están polo menos en castelán. Ademais, débese asegurar que non teñan bordes cortantes, e que os xoguetes eléctricos non teñan fontes de alimentación de máis de 24 voltios.

En xeral para as compras destas datas, recoméndase elaborar un presuposto coa cantidade dispoñible para gastar, comprar con antelación ou facer un uso responsable das tarxetas de crédito. Tamén se recomenda esixir e conservar o tícket ou factura, atender de forma reflexiva a información publicitaria, e poñer atención á información que figura na etiquetaxe dos produtos, especialmente á que se refire a datas de consumo, conservación e instrucións de uso.

No referido ás compras por Internet, hai que elixir sempre formas de pagamento seguras, xa sexa por transferencia, tarxeta ou a través de plataformas especializadas, e en calquera caso, comprobar se ao inicio da barra de direccións aparece https, o que indica que a páxina está a utilizar unha conexión segura. Entre outros consellos, tamén se recomenda escoller en primeiro lugar aqueles establecementos que exhiben estar adheridos ao Sistema Arbitral de Consumo, pois en caso de ter que reclamar poderá resolver o conflito de forma rápida e gratuíta.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/12/2019