O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, asistiu hoxe á clausura do curso Camiños de coñecemento e experiencia
Política Social destaca a importancia da participación dos maiores en programas formativos para que se manteñan activos

Ildefonso de la Campa fixo fincapé no interese amosado polo alumnado en seguir aprendendo, con independencia da idade

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2019

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, destacou esta tarde a importancia de facilitar o acceso ás aulas e á formación tamén ás persoas de máis idade para que se manteñan activos e participativos. Díxoo no acto de clausura do programa Camiños de coñecemento e experiencia, que se desenvolveu no paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela.

Ildefonso de la Campa felicitou ás alumnas e alumnos que completou este ciclo formativo polo interese que amosaron en seguir aprendendo, con independencia da idade. Tamén valorou destes cursos o feito de que os participantes, ao tempo que adquiren novos coñecementos, comparten experiencias e fan novas amizades.

Ademais da entrega de diplomas, na cerimonia de clausura tivo lugar unha lección maxistral a cargo da profesora Carmen Álvarez Lorenzo e proxectouse unha curtametraxe elaborada no seminario de cine impartido polo mestre Álvaro Dosil Rosende.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/12/2019