A Xunta entrega equipamento de atención ás emerxencias aos concellos de Vilalba, Chantada, Mondoñedo e Monforte de Lemos

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, fixeron entrega hoxe de catro tendas de campaña

Lugo, 17 de decembro de 2019

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, fixeron hoxe entrega de catro tendas de campaña de atención ás emerxencias aos concellos de Vilalba, Chantada, Mondoñedo e Monforte de Lemos.

As tendas están destinadas a atención ás emerxencias por parte das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC). Son tendas de fácil transporte e lixeiras, con fácil montaxe e desmontaxe. Ademais, contan coa estrutura necesaria para instalar focos LED, xunto con catro tomas de corrente.

Esta entrega forma parte do compromiso do Goberno galego con continuar dotando de material e equipamento ás AVPC e aos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) co obxectivo de mellorar a calidade de resposta e a seguridade nas actuacións de prevención e nas intervencións en emerxencias.

Nos últimos anos, a Administración autonómica realizou un importante investimento en medios materiais para as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, que supera os 12 millóns de euros en equipamento cedido desde 2015.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/12/2019