Lete Lasa felicita aos premiados na gala +Deporte de La Región como "ourensáns e ourensás que levan nos seus xenes un dos elementos identitarios do éxito deportivo, o ouro"

Ratifica o compromiso da Xunta coa provincia como demostran os 3,5 millóns de euros investidos na “mellor pista cuberta hidráulica de toda España”, a remodelación dos espazos do Pavillón dos Remedios que será financiada “cuns 2 millóns de euros e estará rematada no verán do 2020” e o novo complexo deportivo de Monterrei cuxa zona deportiva “estará rematada tamén no próximo verán”

Ourense, 17 de decembro de 2019-

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no serán de hoxe na XVIII Gala +Deporte de La Región celebrada no Auditorio municipal de Ourense. Alí, o mandatario galego lembrou que Ourense foi bautizada como a cidade do ouro, Auriense, sendo este o metal que reciben os mellores deportistas do mundo desde os Xogos Olímpicos de París 1900. “Dese mesmo chan do que nacía ouro, nacen cada día ourensáns e ourensás que levan nos seus xenes un dos elementos identitarios do éxito deportivo, o ouro”, sentenciou.

Neste sentido dirixiuse aos 33 nominados -deportista absoluto, deportista promesa, deportista veterano, mellor equipo absoluto, mellor equipo promesa, Premio Deporte Sen Límites, Premio ao Centro de Ensinanza Xunta de Galicia e Premio Abanca Deporte Base- así como aos gañadores das dúas mencións especiais aos que describiu como “representantes de esta época dourada que atravesa o deporte galego e máis en concreto, o deporte ourensán”. Para o secretario xeral, os dezaoito anos que cumpren hoxe estes premios do xornal La Región son “a testemuña dunha densa traxectoria xornalística promovendo e divulgando o deporte de toda a provincia de Ourense” e que xa recoñeceu a Xunta no ano 2015 outorgándolle o Premio Deporte Galego á mellor labor informativa.

Para o Goberno galego, dixo o responsable da carteira de Deporte, “é todo un orgullo que o nome da Xunta de Galicia apareza nunha lista de premios tan importante”, sobre todo “por estar estes premios ligados aos hábitos saudables e ao deporte base”. Así, recordou que na tempada 2018-2019, o Xogade contou cun total de preto de 130.000 rapaces e rapazas, moitos deles na provincia de Ourense (preto de 20.000). “O noso obxectivo é achegar o deporte a toda a poboación escolar, a todos os nenos e nenas de Galicia”, enfatizou.

O secretario xeral para o Deporte ratificou unha vez máis o compromiso da Xunta de Galicia coa provincia de Ourense como demostran os 3,5 millóns de euros investidos na “mellor pista cuberta hidráulica de toda España que compatibiliza o uso deportivo co uso feiral e que en apenas dous meses acollerá o Nacional Absoluto de Atletismo en Pista Cuberta”. Así tamén falou da remodelación dos espazos do Pavillón dos Remedios que será financiada “cuns 2 millóns de euros e estará rematada no verán do 2020” e do novo complexo deportivo de Monterrei cuxa zona deportiva “estará rematada tamén no verán do 2020”.

Cara a fin do seu discurso, Lete Lasa lembrou que a Xunta de Galicia “non permitirá que ningún suceso violento quede impune para o que conta coa Comisión Galega de Control da Violencia” e tamén quixo recordar a José Ramón González, falecido recentemente, como unha persoa que “velou sempre pola seguridade dos rallys para deixarnos un incrible legado de sabedoría e coñecemento”.
 

Data de actualización: 17/12/2019