A Xunta mellora o equipamento de emerxencias de agrupacións de protección civil de nove concellos da provincia da Coruña

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, fixeron entrega hoxe de nove tendas de campaña para a atención ás emerxencias

As Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil dos municipios de Arteixo, As Pontes, Bergondo, Corcubión, Fene, Miño, Muxía, Oleiros e Rianxo recibiron o novo equipamento
 

Arteixo (A Coruña), 19 de decembro de 2019

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, fixeron hoxe entrega de nove tendas de campaña para tarefas de Protección Civil destinado ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) de nove concellos da provincia da Coruña co obxectivo de reforzar o seu equipamento de emerxencias.

Deste xeito, as agrupación dos municipios de Arteixo, As Pontes, Bergondo, Corcubión, Fene, Miño, Muxía, Oleiros e Rianxo contarán con este equipamento que pode ser despregado en situacións de emerxencia. Trátase de tendas con facilidade para o seu transporte, montaxe e desmontaxe. Ademais, contan cunha estrutura reforzada de aluminio anodizado e lona de poliéster impermeable e ignífuga. Unha vez montadas ocupan unha superficie de 16 metros cadrados cunha altura máxima de 2,47 metros.

A este equipamento entregado hoxe súmase o cedido xa no mes de outubro. Desa vólta, os municipios de Cedeira, Carnota, Zas, Carral e Vedra recibiron cadanseu vehículo pick-up, mentres que os de Ames, A Pobra do Caramiñal, Cee, Culleredo, Lousame, Oroso e Paderne foilles entregado un remolque equipado con material de emerxencias.

A colaboración entre a Xunta e os concellos en materia de protección civil e emerxencias permite dotar aos membros dos servizos municipais dun equipamento adecuado para realizar o seu traballo nas mellores condicións e, desta forma, prestar unha atención máis eficaz e garantir a seguridade da cidadanía. A entrega de hoxe da continuidade á folla de ruta iniciada para mellorar a calidade de resposta e a seguridade nas actuacións de prevención de riscos e nas intervencións en emerxencias en calquera punto da comunidade galega mediante a dotación de máis material e equipamento ás AVPV e aos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES).

A Administración autonómica realizou nos últimos anos un importante investimento en medios materiais para as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, que supera os 12 millóns de euros en equipamento cedido desde 2015. O Goberno galego tamén mantén a aposta pola formación actualizada no eido das emerxencias que se imparte de forma centralizada desde a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/12/2019