A Xunta estende a gratuidade do transporte público aos mozos e mozas menores de 21 anos coa Tarxeta Xente Nova

Feijóo destaca a compoñente social, a vertente educativa e de sensibilización e concienciación desta iniciativa

Di que ao longo de 2020 se poderán beneficiar máis de 372.000 mozos e mozas, fronte aos máis de 55.500 que na actualidade están a utilizar esta tarxeta
 

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2019

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, deu conta hoxe na rolda de prensa do Consello da extensión da gratuidade do transporte público interurbano a todos os menores de 21 anos. Amplíase así, dixo, o rango de idade dos usuarios da Tarxeta Xente Nova, que botou a andar no ano 2016 e limitaba ata os 18 anos incluídos a idade dos beneficiarios.

Para este fin destinarase no ano 2020 unha partida de 2,6 M€, o que supón un incremento do 52% na bonificación. Poderán beneficiarse máis de 372.000 mozos e mozas ao longo de 2020, fronte aos máis de 55.500 que na actualidade están a utilizar esta tarxeta.

En relación ao funcionamento do dispositivo, Feijóo explicou que os usuarios poderán realizar de balde un total de 60 viaxes mensuais no transporte público regular por estrada. Así mesmo, o titular do Goberno galego fixo fincapé en que esta tarifa, que comezará a aplicarse a partir do 1 de xaneiro nas áreas metropolitanas, irá progresivamente superando o actual ámbito territorial das áreas de transporte metropolitano podendo aplicarse en todas as viaxes interurbanas que se efectúen en calquera concello de Galicia.

Xa para concluír, o presidente da Xunta destacou a compoñente social, a vertente educativa e de sensibilización e concienciación desta iniciativa. Contribuirá, dixo, a aliviar os gastos das familias, a facilitar o acceso aos centros de formación e para fomentar o uso dun transporte compartido máis sustentable e respectuoso co medio.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/12/2019