O conselleiro de Sanidade visita as obras do futuro centro de saúde de Narón que supón un incremento de preto de 1.800 metros cadrados respecto do actual

O novo centro de saúde de Narón, cun investimento adxudicado pola Xunta de Galicia de 5.535.985 euros incluíndo a unidade de radioloxía, sitúase nunha parcela de 6.142 metros cadrados

Son 4.312 metros cadrados de edificio que alberga 56 consultas e áreas que medran considerablemente en relación co centro actual. Son uns 16 espazos asistenciais máis que o actual centro

Narón (A Coruña), 20 de decembro de 2019

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, visitou esta mañá as obras do novo centro de saúde de Narón. Na actualidade, xa está un 32% executado, e, a pesar dos problemas iniciais co terreo e as chuvias destas semanas, estímase que co ano novo estea finalizada a estrutura.

O novo centro de saúde de Narón, cun investimento de adxudicación vixente por parte da Xunta de Galicia de 5.535.985 euros, incluíndo a unidade de radioloxía, sitúase nunha parcela de 6.142 m2, cedida polo Concello ao Sergas. A nova infraestrutura sanitaria terá unha superficie construída de 4.312 metros cadrados, o que supón un incremento de preto de 1.800 metros cadrados respecto do centro actual, infraestrutura que será cedida ao Concello para usos sociais.

O Servizo Galego de Saúde informaba tamén en marzo deste ano que o novo centro de saúde de Narón contará cun espazo para Radioloxía simple, aumentando así a carteira co diagnóstico por imaxe. Esta prestación engadíase respondendo á solicitude dos profesionais, e actívase en base aos criterios técnicos que determina esta tipo de servizo nos centros de saúde, como o número de poboación ou a frecuentación.

Máis espazos e máis amplos

O edificio, con entradas diferenciadas para os peóns, ambulancias e urxencias, contará cun total de 16 espazos asistenciais máis que o actual centro, e constará de dous andares e un semisoto. Atenderá a unha poboación de 35.000 persoas no centro de saúde e preto de 45.000 no PAC. No semisoto, xunto cos espazos de instalacións e mantemento, haberá un acceso aberto para as ambulancias, vestíbulo de urxencias, e o Punto de Atención Continuada (PAC), con 3 consultas para medicina, 3 para enfermaría e 1 sala de reanimación e observación. Tamén espazos propios para os profesionais e vestiarios.

No andar baixo, un vestíbulo con espazo para cadeiras de rodas e recepción con 8 postos. Unha área de Pediatría, con 4 consultas de medicina e 4 de Enfermería; unha área de Rehabilitación e Fisioterapia, cunha consulta e unha sala de fisioterapia de 100 metros cadrados, con aseos adaptados; unha área de Odontoloxía con consultas para Odontoloxía e hixienista dental; e unha sala de mostras con 8 puntos de extracción e sala de técnicas e curas. Tamén espazos para administración e persoal con sala de xuntas.

Xa no primeiro andar, as instalacións disporán dunha área médica de 14 consultas de medicina xeral, 12 de enfermería, 4 consultas de docencia, e 2 de farmacia, ademais de 2 salas de técnicas e 4 salas polivalentes. Unha área da muller cunha consulta de Xinecoloxía, consulta de matrona, sala de educación en saúde e vestiario.

En definitiva, un centro cunha completa carteira de servizos da que se beneficiará a poboación do Concello de Narón, e a que se corresponde co Punto de Atención Continuada tamén dos Concellos de Neda e Valdoviño.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 20/12/2019