O presidente da Xunta vacinouse hoxe contra a gripe no centro médico de San Caetano
Feijóo fai un chamamento á poboación de risco para que acuda ao seu centro sanitario de referencia para, entre todos, lograr que a incidencia da gripe sexa a menor posible

Cómpre recordar que a vacina é a mellor forma para protexerse fronte á gripe e evitar as complicacións asociadas a ela

Os galegos que aínda non se vacinaron poden facelo ata o 27 do mes de decembro, nos 900 puntos de vacinación repartidos por toda a comunidade

Desde este mesmo ano, o Sergas inclúe como poboación obxectivo aos nenos de entre seis meses e dous anos de idade que naceran prematuros

Ata o momento, xa son máis de 587.000 os galegos que se vacinaron, 34.670 máis que na mesma data do ano pasado, na que había rexistradas 552.311 persoas

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2019

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acudiu este mediodía a vacinarse da gripe no centro médico de San Caetano, dentro da campaña de vacinación que está a levar a cabo o Servizo Galego de Saúde contra esta enfermidade, momento no que aproveitou para facer novamente un chamamento á poboación de risco para que acuda ao seu centro sanitario de referencia para, entre todos, lograr que a incidencia da gripe sexa a menor posible. Non en van, a vacina é a mellor forma para protexerse fronte á gripe e evitar as complicacións asociadas a ela.

Os galegos que aínda non se vacinaron poden facelo ata o 27 de decembro, data na que remata a campaña, nos arredor dos 900 puntos de vacinación repartidos por toda a comunidade, entre os que destacan centros de saúde e hospitais da rede Sergas ou residencias da terceira idade.

A Consellería de Sanidade recomenda a vacinación a todas as persoas de 60 ou máis anos, aos residentes en institucións pechadas de calquera idade, ás mulleres embarazadas e a aquelas persoas con factores de risco que os predispoñen a padecer complicacións derivadas da gripe. Tamén, desde este mesmo ano, o Sergas inclúe como poboación obxectivo aos nenos de entre seis meses e dous anos de idade que naceran prematuros.

Do mesmo xeito, convídase a recibir a vacina a aquelas persoas que por razóns de convivencia ou laborais lle poden transmitir a gripe a persoas incluídas nos colectivos de risco (caso dos traballadores sanitarios) e a profesionais que desenvolven servizos esenciais á comunidade.

Cómpre subliñar que, ata o momento, xa son máis de 587.000 os galegos que se vacinaron, 34.670 máis que na mesma data do ano pasado, na que había rexistradas 552.311 persoas.

Durante a pasada campaña do ano 2018 administráronse un total de 567.408 doses. Acadándose unha cobertura global nas persoas de 65 ou máis anos de case o 59%, cifra superada este ano.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/12/2019