A Xunta porá en marcha en 2020 a contratación pública verde, que primará as ofertas que incorporen criterios ecolóxicos

No eido das empresas promoveranse os ecoparques industriais; e impulsarase a formación especializada para a reparación de produtos, entre outras liñas de acción

Feijóo avanza que en 2020 iniciaranse os trámites para a construción de tres novas plantas públicas para o tratamento dos biorresiduos domésticos

Nesta estratexia de economía circular, o titular da Xunta apela a innovación e o talento da comunidade investigadora como claves para deseñar solucións para esta transición

“Queremos un cambio que non deixe a ninguén atrás, que non provoque incertezas”, di Feijóo
 

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2019

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe que a Xunta seguirá traballando en 2020 comprometida cunha Galicia máis verde e, con este obxectivo, porá en marcha unha contratación pública que primará as ofertas que incorporen criterios ecolóxicos, outorgando, por exemplo maior puntuación a ofertas para a execución de obra pública que inclúan materiais reutilizados.

Queremos, dixo, dar exemplo e tamén incentivar ás empresas a optar por prácticas máis responsables e sostibles, que se verán puntuadas nas contratacións públicas. Ao tempo que incidiu en que a finalidade é que para acadar este fin, non só cambie a Xunta como administración senón que transcenda ao resto da sociedade.

Ademais desta iniciativa, Feijóo avanzou que no eido das empresas desenvolveranse tamén medidas para financiar a investigación sobre proxectos de reutilización de augas residuais; para promover ecoparques industriais, máis eficientes e ecoinnovadores; para incentivar a formación en ecodeseño e a súa posta en marcha en todos os ámbitos, principalmente nos envases, un asunto de vital importancia no sector alimentario para reducir os plásticos dun só uso; ou para impulsar a formación especializada para a reparación de produtos, entre outras liñas de acción.

“Apostarase tamén polo uso de áridos reciclados na construción de infraestruturas e de materiais de oficina de orixe reciclado, de fontes de auga potable para o consumo ou pola recollida separada dos residuos e o emprego de enerxías limpas”, engadiu.

Un cambio de modelo que xerará novas oportunidades

O responsable do Executivo autonómico resaltou que este cambio de modelo xerará novas oportunidades de negocio e fomentará que as empresas sexan máis competitivas a nivel internacional. Non en van, esta estratexia, que está dotada con case 865 millóns para o período 2020-2030, terá un retorno de máis de 6.000 millóns e de máis de 12.000 empregos.

Ao longo da súa intervención, Feijóo referiuse tamén ao papel fundamental que nesta estratexia xogan os concellos como administración máis próxima. Así, unha das primeiras medidas que se implantarán a principios de ano será unha nova liña de subvencións ás entidades locais para poñer á disposición dos cidadáns espazos de autorreparación e intercambio de obxectos.

“E, o 2020 será o ano no que ademais iniciaremos os trámites para a construción de tres novas plantas públicas para o tratamento dos biorresiduos domésticos”, apoiando unha vez máis aos municipios na súa obriga da xestión dos residuos urbanos e axudando ao medio ambiente, dixo, precisando que o investimento comprometido ascenderá a 25 millóns de euros.

Complementariamente, a Xunta achegará 2,6 millóns de euros en axudas a concellos para mellorar a xestión de residuos urbanos, o que supón un 85% máis que en 2019.

Una cambio que implique a todos e que non deixe a ninguén atrás

Neste reto, ademais de contar cos concellos e coas empresas, Feijóo apelou ao apoio da comunidade investigadora. A innovación e o talento da comunidade investigadora, que participou na elaboración desta estratexia, e que serán claves para deseñar solucións para esa transición.

“E, por suposto, queremos contar co apoio da sociedade no seu conxunto”, sentenciou, explicando que para iso, é necesario un cambio gradual, unha transición xusta “que non leve por diante a ninguén”, senón que concite o apoio e as esperanzas de todos. “Queremos un cambio que non deixe a ninguén atrás, que non provoque incertezas”, abundou.

Con esta estratexia, Galicia convértese nunha das primeiras comunidades en asumir un papel proactivo e dotarse de ferramentas que afiancen o salto de cara á economía circular. “Debemos superar o vello modelo lineal de producir-usar-tirar”, expuxo, recordando que, para iso, esta iniciativa conta con 60 medidas e 8 eixes de actuación baseadas no criterio multierre: repensar, redeseñar, refabricar, reparar, redistribuír, reducir, reutilizar, reciclar e recuperar.

Feijóo concluíu aseverando que esta estratexia, xunto á Estratexia de cambio climático e enerxía 2050 e á Lei de residuos, pecha o círculo ambiental de Galicia para afrontar os retos futuros, superando as directrices establecidas desde Europa.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/12/2019