O 061 de Galicia asistiu a 84 persoas por 65 accidentes de circulación durante a fin de semana

Desde as 15,00 horas do venres, 20 de decembro, ata as 23,59 horas do domingo, 22 de decembro, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiu 81 chamadas por accidentes de tráfico

A Estrada (Pontevedra), 23 de decembro de 2019.- Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana 84 persoas debido a 65 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15,00 horas do venres, 20 de decembro, ata as 23,59 horas do domingo, 22 de decembro. O día que rexistrou máis incidentes foi o sábado con 34 sinistros de tráfico.

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 84 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 65 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atendeu un total de 81 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 63% e do 37% respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 34% dos atendidos tiña entre os 25 e os 39 anos.

Por provincias, Pontevedra foi a que rexistrou máis accidentes con 26 sinistros de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

Provincia
Accidentes
A Coruña
23
Lugo
11
Ourense
5
Pontevedra
26
Galicia
65

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 88. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado atenderon en nove accidentes, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico mobilizáronse en 66 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que medicalizan as ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en 10 accidentes. As ambulancias convencionais asistiron en tres sinistros de circulación.

En 67 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en 15 ocasións atendeuse no propio lugar do incidente e dúas persoas faleceron non lugar do sinistro.

Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 23/12/2019