Medio Ambiente executa traballos para a recuperación do bosque de ribeira en quince quilómetros do río Tea

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda leva a cabo eliminación de especies alóctonas presentes nas marxes deste río e a plantación de salgueiros

O proxecto conta cun investimento de máis de 50.000 euros e está dentro das accións previstas no proxecto MigraMiño-Minho

Santiago de Compostela, 25 de decembro de 2019

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda executa unha actuación para a recuperación das masas de bosque de ribeira en quince quilómetros do río Tea, ao seu paso polos concello de Ponteareas e Salvaterra do Miño.

Os traballos teñen por obxectivo garantir e recuperar o arboredo de primeira liña das marxes do río Tea e consolidar as mesmas mediante a plantación de salgueiro e de outras frondosas. Asemade, procederase á eliminación de especies alóctonas, principalmente, Falsa acacia (Robinia pseudoacacia), Arce con follas de fresno (Acer negundo), Ailanto (Ailanthus altissima), Mimosa (Acacia dealbata) e bambú gigante (Phyllostachys bambusoides). Por último, efectuaranse traballos para a retención de derrubes ou desprendementos de noiros que se puideran ver afectados polas crecidas.

Os traballos deste proxecto de recuperación levaranse a cabo nos catro vindeiros meses e o orzamento destina ao mesmo supera os 50.000 euros e será executada por un centro especial de emprego de iniciativa social, co fin de facilitar unha oportunidade laboral a persoas de colectivos de difícil inserción.

Trátase dunha actuación que se enmarca dentro do proxecto denominado Migra Miño- Minho, que lidera a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, que conta con fondos Feder, co que se busca mellorar a protección e conservación do hábitat fluvial da sub-bacía do tramo internacional do río Miño desde o embalse de Freira hasta a súa desembocadura en A Guarda-Caminha.

En definitiva, é unha acción que mellorará a protección e a xestión sostible dun espazo natural de fronteira de alto valor ecolóxico e que conta con espazos da Rede Natura 2000.