Galicia volveu reducir en 2018 a taxa de risco de pobreza e baixou a mínimos históricos a desigualdade e os fogares con dificultades, segundo a enquisa anual do IGE

A taxa AROPE, que mide o risco de pobreza ou exclusión social, baixa por terceiro ano consecutivo e descende ata o 18,95%

Os dous indicadores de desigualdade (Gini e S80/S20) acadan a cifra máis baixa da serie histórica, iniciada en 2007

As cifras de fogares con dificultades económicas e con carencia material severa seguen descendendo e son igualmente as mellores cifras da serie

O ingreso medio dos fogares galegos aumentou ata os 2.196 euros mensuais ao crecer un 5,63%, a cifra máis alta contabilizada ata agora polo IGE

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2019

Galicia volveu reducir no ano 2018 a taxa de risco de pobreza, ao tempo que baixou ata mínimos históricos os indicadores que miden a desigualdade de ingresos e o número de fogares con dificultades económicas, segundo mostran os datos anuais da Enquisa Estrutural a Fogares publicada hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

En concreto, a taxa de risco de pobreza ou exclusión social (indicador AROPE) de Galicia baixou por terceiro ano consecutivo en 2018, ao pasar do 20,26% ao 18,95%. É a primeira vez que este indicador baixa do 20% en toda a serie histórica, que comeza en 2011. En canto á taxa de risco de pobreza, tamén baixa por terceiro ano e sitúase no 15,51%.

Os datos da enquisa anual do IGE tamén indican que os indicadores que miden a desigualdade de ingresos situáronse en Galicia en mínimos históricos. Así, o índice de Gini baixou ao 0,265 e o indicador S80/S20 –que mide a diferencia entre o quintil máis rico e o máis pobre- tamén descendeu ata o 4,01. En ambos casos son as cifras máis baixas de toda a serie histórica, iniciada no ano 2007.

Mínimo histórico de fogares con dificultades

A enquisa do organismo estatístico galego mostra que en 2018 seguiron mellorando as condicións económicas dos fogares galegos. De feito, o número de fogares que chegan con algunha dificultade a final de mes baixou ao 46,28%, a cifra máis baixa de toda a serie histórica. Esta serie comeza no ano 2007, cando o número de fogares con algunha dificultade en Galicia era 20 puntos maior (66,01%).

Esta mellora da situación económica dos fogares galegos é consecuencia da baixada tanto do número de fogares con dificultade (que baixa do 38,17 ao 37,81%) como do descenso de fogares con moita dificultade, que pasan do 9,65 ao 8,47%. Ambos indicadores tamén acadaron en 2018 o nivel máis baixo de toda a serie histórica, iniciada en 2007.

Ademais, o número de fogares con carencia material severa tamén se reduciu en 2018 ao pasar do 4,8 ao 4%. Esta é igualmente a menor cifra da serie histórica, que comeza no ano 2011, cando o número de fogares nesta situación era do 7,8%.

Ingreso medio por fogar

A Enquisa Estrutural a Fogares confirma a senda á alza dos ingresos dos fogares galegos que se viña rexistrando nos últimos anos. En concreto, o ingreso medio por fogar ascendeu en 2018 ata os 2.196 euros, a maior cifra contabilizada ata agora polo IGE logo de acadar un incremento do 5,63% respecto ao ano anterior.

Ao mesmo tempo, ao mellora do mercado laboral propiciou un incremento dos ingresos procedentes do traballo por conta allea (aumentan ata o 51,48%) e do traballo por conta propia (10,84%), mentres que se reducen os ingresos procedentes de prestacións –supoñen o 34,83%- e as rendas e outros ingresos, que representan o 2,84%.

Composición dos fogares

Os datos anuais do IGE tamén analizan a composición dos fogares galegos, que acadan a cifra de 1.062.822. En 2018, a tipoloxía máis habitual foi a dunha parella con fillos (31,33%), seguida da parella sen fillos (23,5%) e os fogares unipersoais, que supoñen o 22,78% do total. Ademais, o 23,78% dos fogares de Galicia están compostos por persoas de 65 ou máis anos, mentres que no 22,85% viven unha ou varias persoas menores de 16 anos.

A Enquisa Estrutural a Fogares é unha actividade estatística anual dirixida aos fogares galegos co obxecto de obter información sobre as súas características socioeconómicas, e inclúe información detallada sobre as distintas áreas territoriais galegas.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Facenda
Data de actualización: 27/12/2019