Medio Ambiente destina 75.000 euros á convocatoria de axudas á conservación, protección e mellora das árbores e formacións do catálogo de árbores senlleiras para o ano 2020

O Diario Oficial de Galicia publica a orde pola que se establecen as bases para a concesión de subvencións, cuxas solicitudes se poden presentar ata o 31 de xaneiro

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2019

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a orde de axudas pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a conservación, protección e mellora das árbores e formacións senlleiras de Galicia, que conta cun importe de preto de 75.000 euros.

As actividades que poden ser obxecto desta liña de subvencións son a realización de podas, formación e control da copa, a aplicación de tratamentos fitosanitarios, a sinalización das contornas dos exemplares e formacións e a elaboración de material divulgativo.

Para a concesión das mesmas serán necesarios dous requisitos: que as árbores estean inscritas no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras e que se presente unha memoria ou proxecto técnicos que requirirá da aprobación do Servizo Provincial de Conservación da Natureza previamente á súa execución.

Estas axudas están destinadas aos propietarios das árbores ou formacións incluídas no catálogo, tanto persoas físicas como xurídicas, e aos concellos. Só se admitirá unha única solicitude por persoa ou entidade solicitante, que deberá presentarse ata o 31 de xaneiro de 2020, preferentemente por vía telemática.

O Catálogo galego de árbores senlleiras é un rexistro público de carácter administrativo dependente da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, no cal se inclúen todas aquelas árbores e formacións merecentes de protección en atención ás características excepcionais que as fagan merecentes dunha protección especial.

Trátase dunha ferramenta aberta e en constante actualización, podendo propoñer a inclusión de elementos novos os seus propietarios, as administracións públicas, os centros de investigación ou asociacións e aquelas entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza. De feito, desde a aprobación do seu regulamento no ano 2007, este catálogo foi obxecto xa de diversas revisións.

Na actualidade, hai un total de 190 elementos (151 exemplares e 39 formacións arbóreas) pertencentes a 80 especies diferentes e coa seguinte distribución por provincias:

 
Árbores
Formacións
Total
A Coruña
44
13
57
Lugo
35
6
41
Ourense
22
7
29
Pontevedra
50
13
63
Total
151
39
190
Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/12/2019