A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue ratifica o seu compromiso coa calidade coas renovacións dos certificados do Comité de Acreditación da Transfusión (CAT), a ISO 9001:2015 e a EFI

ADOS renova as certificacións que confirman o seu traballo a prol da mellora continua, rexendose polos máis esixentes estandares de calidade no eido sanitario

Santiago, 30 decembro de 2019

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) renovou, ao longo do presente mes de decembro as súas certificacións de calidade outorgadas polo Comité de Acreditación da Transfusión (CAT) e a European Federation for Immunogenetics (EFI), así como a certificación ISO 9001:2015, ratificando, deste xeito, o seu compromiso cos máis elevados e esixentes estandades de calidade no eido sanitario.

A ISO 9001:2015 salienta a implantación do sistema de xestión da calidade nos distintos aspectos do traballo diario desenvolvido pola Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, e que abrangue á selección de doadores de sangue total e hemaférese, á extracción, separación, almacenamento, distribución, procesamento analítico e histocompatibilidade, criopreservación de compoñentes sanguíneos, ao banco de cordón umbilical e á promoción da doazón.

No ano 1998, o Centro de Transfusión de Galicia, hoxe integrado na Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, converteuse no primeiro centro da súa categoría que obtivo en España a acreditación de calidade ISO 9002:1998, substituída, polas normas ISO 9001:2000 e a ISO 9001:2008. Desde entón, e durante as dúas últimas décadas, a consecución destas certificacións de calidade veñen a ratificar a constante preocupación de ADOS e da Consellería de Sanidade pola mellora continúa nas institucións do ámbito sanitario.

Certificación CAT

A Fundación CAT é o organismo responsable de outorgar estas acreditacións no ámbito da medicina transfusional, terapia celular e tisular, estando integrada pola Sociedade Española de Hematoloxía e Hemoterapia e a Sociedade Española de Transfusión Sanguínea e Terapia Celular e acreditou, un ano máis, a ADOS coa súa certificación.

A acreditación da CAT constata que, todos os procesos polos que a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue foi certificado, desenvólvense dentro dun sistema de xestión da calidade que abrangue a toda a estrutura da organización, implicando aos procesos operativos, os recursos e contribuíndo á implicación de todo o persoal nos procesos de mellora continua.

Renovación EFI

Así mesmo, lembrar que a European Federation for Immunogenetics (EFI) renovou recentemente a acreditación para a Unidade de Bioloxía Molecular e Histocompatibilidade (HLA), certificación coa que conta dende o ano 1998.

Esta unidade é referencia para a tipaxe de HLA e desenvolve, entre outras actividades, o estudo analítico e xestión de doadores de medula ósea para o REDMO (Rexistro de Doadores de Medula Ósea). O REDMO atopase conectado cos rexistros mundiais de doadores de medula ósea que posibilitan a busca de doantes compatibles.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 30/12/2019