Galicia acadou un saldo positivo de 2.291 sociedades mercantís en 2019, xa que se crearon 3.792 sociedades fronte ás 1.501 disoltas

O Instituto Galego de Estatística publica hoxe a explotación do Boletín Oficial do Rexistro Mercantil (Borme)

Outras 1.258 sociedades mercantís en Galicia ampliaron capital o pasado ano

Por provincias, foron constituídas 1.613 sociedades en A Coruña e 1.465 en Pontevedra, mentres que en Ourense e Lugo foron 366 e 348, respectivamente
 

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2020

No ano 2019 constituíronse en Galicia 3.792 sociedades mercantís e disolvéronse outras 1.501, o que supón un saldo positivo de 2.291 sociedades o pasado ano, segundo a explotación do Boletín Oficial do Rexistro Mercantil (Borme) publicados hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

A constitución destas empresas trouxo consigo a suscrición total de 372,9 millóns de euros de capital, o que representa un capital medio de 98.360 euros por cada sociedade mercantil constituída en Galicia o pasado ano. Respecto ao ano anterior, o número de sociedades constituídas descendeu un 6,6%, mentres que o capital subscrito aumentou un 36,2%.

Ademais, os datos publicados polo IGE mostran que outras 1.258 sociedades mercantís decidiron ampliar o seu capital ao longo do pasado ano, fronte ás 293 sociedades mercantís que optaron por reducilo.

Segundo a forma xurídica da sociedade mercantil, en 2019 constituíronse 3.760 sociedades de responsabilidade limitada cun capital medio de 83.842 euros, así como 12 sociedades anónimas –cun capital medio de 4,78 millóns de euros- e 20 sociedades con outras formas xurídicas, cun capital medio de 17.493 euros.

En canto á actividade económica das novas sociedades, o maior número de empresas concéntrase nas actividades de comercio por xunto (437), servizos de comidas e bebidas (369), comercio a retallo (310) e construción de edificios (304).

A estatística do IGE tamén analiza a distribución dos socios fundadores das sociedades mercantís en función do seu xénero. En 2019, o 74,9% dos socios fundadores foron homes, fronte ao 25,1% de mulleres.

Provincias

Por provincias, no conxunto do ano 2019 foron constituídas 1.613 sociedades mercantís na provincia de A Coruña e 1.465 na de Pontevedra, mentres que en Ourense e Lugo foron creadas 366 e 348, respectivamente.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Facenda
Data de actualización: 08/01/2020