Comezan as obras do novo Espazo Amizar, no que se investirán 7 millóns para rehabilitar a antiga sede de Sanidade na Coruña

Nestes días empezan a desconexión de servizos, a retirada de mobiliario e as demolicións das divisións internas na parte ovalar do complexo

A obra ten un prazo de execución de 12 meses e foi adxudicada á UTE Obras y Servicios Gómez Crespo, S.L. - Extraco Construccións e Proxectos S.A.

De xeito paralelo, nos vindeiros días tamén comezarán os traballos na futura sede do 061, no que se investirán outros 530.000 euros
 

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2020

As obras de rehabilitación da antiga delegación da Consellería de Sanidade na cidade da Coruña, para converter este inmoble no novo Espazo Público Amizar, iniciáronse esta semana por parte da UTE Obras y Servicios Gómez Crespo, S.L.-Extraco Construccións e Proxectos S.A. A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, investirá case 7 millóns nesta actuación que permitirá poñer a disposición da cidadanía 5.500 metros cadrados en desuso.

As obras que comezaron esta semana terán un prazo de execución de 12 meses e consistirán na rehabilitación integral do edificio administrativo da Xunta de Galicia situado na rúa Gregorio Hernández, esquina coa avenida Peruleiro, no centro urbano da cidade. A primeira fase das obras –nas que a Xunta investirá 6,3 millóns– consistirán na demolición de todas as divisións internas, fachadas, levantado de carpinterías, instalación e mobiliario, de xeito que quedarán as estruturas baleiras. Posteriormente, reconstruirase a totalidade do edificio sobre a mesma estrutura, para o seu uso administrativo e social.

Os primeiros traballos consistirán na desconexión da electricidade, auga e resto de servicios afectados pola obra, así como a retirada do mobiliario, o levantamento das carpintarías. A continuación comezarán as demolicións das divisións internas da parte ovalar do complexo, e posteriormente comezará o replanteo interno, sobre todo das fachadas. Paralelamente, unha vez comezados os traballos das novas divisións iranse executando as instalacións.

De xeito paralelo, nos próximos días comezarán os traballos complementarios na futura sede do 061, no que se investirán outros 530.000 euros. Estes traballos teñen un prazo de execución de 7 meses e permitirán habilitar a edificación, antigamente destinada a base medicalizada terrestre e situada na parte sur da parcela, para acoller os locais para ambulancias e medicamentos, así como estancias de descanso, traballo e reunións.

Unha vez que conclúan as actuacións na sede do 061, poderase trasladar o persoal que ten este servizo no edificio prismático do complexo, comezando desta maneira os traballos de demolición no edificio prismático, no que se seguirá o mesmo planteamento de execución que na parte ovalar.

Novos usos para un edificio de case 50 anos

A actuación no antigo edificio da delegación de Sanidade -proxectado en 1971- está deseñada para dar resposta ás necesidades e aos diferentes usos aos que se destinarán as instalacións: oficina de emprego, sede de entidades sociais e sanitarias sen ánimo de lucro e oficinas administrativas da propia Xunta. O edificio contará cun salón de actos de común para todos os usuarios do Espazo Amizar.

O inmoble é un conxunto formado por un edificio principal destinado no seu día á Xefatura Provincial e composto de dúas pezas, unha prismática de cinco plantas e planta rectangular -que dá fronte á rúa Gregorio Hernández- e outra con planta ovalada e catro plantas que ocupa o interior da parcela. Estas dúas pezas atópanse unidas por unha zona de paso nas diferentes plantas. Ademais, na parte sur da parcela, existe outro edificio de menor tamaño, de dúas plantas, atopándose a primeira en desuso, mentres que a planta baixa utilízase coma arquivo. Neste edificio é onde se situará a futura sede do 061.

A actuación deseñada desenvolverase no actual solar -de 4.248 metros cadrados-, sen modificar a edificabilidade, e dá resposta á necesidade de albergar varios usos diferentes, no conxunto formado polo edificio prismático e o óvalo. Así, a Oficina de Emprego estará na planta baixa, ao igual que o salón de actos, que terá saída independente. As oficinas da Xunta estarán na planta baixa, 1ª e 2ª. O espazo destinado a entidades sociais e sanitarias sen ánimo de lucro estará na planta 3ª, e as instalacións do edificio (como as caldeiras, ou o grupo electróxeno) e o arquivo, irán na planta -1.

As obras previstas modificarán os núcleos de comunicación vertical e os accesos; intervirán no patio interior, mellorando a entrada de luz e a permeabilidade visual, e suporán tamén a reforma da fachada, de forma que proxecte unha imaxe renovada do conxunto, así como unha mellora da eficiencia enerxética.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Facenda
Data de actualización: 10/01/2020