Un total de 6 empresas presentan as súas ofertas para a explotación e mantemento do encoro de Eiras

O contrato, cun orzamento de 500.000 euros, terá unha vixencia de 24 meses

O obxectivo é asegurar a óptima xestión do encoro que proporciona auga a Vigo e ao conxunto de concellos dependente do seu sistema de abastecemento

A Xunta continúa a asumir a xestión de Eiras para garantir a seguridade e o correcto funcionamento do encoro á espera de que o Concello de Vigo se pronuncie sobre a proposta de convenio polo que asumiría a súa xestión
 

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2020

Un total de 6 empresas presentaron as súas ofertas para o servizo de explotación e mantemento da presa de Eiras, por un importe de case 500.000 euros.

Este contrato, cunha vixencia de 24 meses, ten como obxectivos explotar, conservar e manter a presa de Eiras e os seus equipos e instalacións, asegurando o óptimo funcionamento do sistema de xestión do encoro que proporciona auga a Vigo e ao conxunto de concellos dependente do seu sistema de abastecemento.

Para isto é necesario realizar a explotación, conservación e mantemento de tódolos dispositivos de control, órganos de desaugue, accesos e demais instalacións, equipos auxiliares e sistemas de comunicacións.

O contrato inclúe a dirección de explotación do encoro de Eiras e operación dos seus equipos e instalacións segundo o establecido nas normas de xestión da mesma, así como a dirección do plan de emerxencia da presa para a súa xestión e control.

De acordo coas condicións da licitación, o contrato inclúe o mantemento e conservación dos órganos de desaugadoiro, toma de abastecemento e equipos oleohidráulicos ou similares para o seu accionamento.

A empresa adxudicataria tamén se ocupará do mantemento e conservación das instalacións de control da presa, tanto dos edificios de control da explotación e accesos, como dos equipos auxiliares, así como do mantemento da instalación eléctrica incluíndo centro de transformación, grupo electróxeno e iluminación exterior e interior.

Os servizos de mantemento e conservación abarcan así mesmo os dispositivos de control da presa e, en particular, dos diferentes sistemas de comunicacións, sensores e equipos de automatización instalados.

Esta infraestrutura é explotada pola Xunta, a través de Augas de Galicia, que apoia aos concellos no desenvolvemento das súa competencias de prestación do servizo municipal de abastecemento.

Con este contrato, a Xunta continúa a asumir a xestión de Eiras para garantir a seguridade e o correcto funcionamento do encoro á espera de que o Concello de Vigo se pronuncie sobre a proposta de convenio polo que asumiría a súa xestión.
 

Data de actualización: 11/01/2020