Nava Castro salienta os 1,5 millóns de euros que a Xunta dedica este ano a modernizar establecementos de restauración e aloxamento

A directora de Turismo de Galicia visitou hoxe o Hotel Attica 21 Coruña, un dos beneficiarios da liña de axudas da convocatoria de 2019

Salientou a crecente competitividade do sector que, a falta de contabilizar o mes de decembro, conseguiu que os seus ingresos medrasen un 8% o ano pasado

A Coruña, 13 de xaneiro de 2020

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro salientou hoxe os 1,5 millóns de euros que a Xunta destina en 2020 a impulsar melloras nos establecementos turísticos de aloxamento e, como novidade, tamén nos de restauración. Trátase, como dixo, dunha inversión coa que o Goberno galego contribuirá a financiar un ano máis, entre outras actuacións, accións de mellora da accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas ou actuacións de renovación e modernización.

Nava Castro fixo estas declaracións durante a súa visita ao hotel Attica 21 Coruña, un dos 70 beneficiarios da convocatoria do ano pasado, que lle permitiu mellorar os seus sistemas de climatización e modernizar os seus servizos, entre outras accións. A directora de Turismo recordou que, tras rematar o prazo de presentación de solicitudes para a convocatoria de 2020, este ano reforzará o rendemento do sector, ao incorporar aos restaurantes entre os beneficiarios. O ano pasado, a provincia da Coruña rexistrou 18 beneficiarios e o investimento total na mesma foi superior aos 320.000 euros.

Segundo indicou, medidas como esta están a contribuír a que o sector turístico galego medre en competitividade. Así, a falta de pechar os datos correspondentes ao mes de decembro, os ingresos do sector hoteleiro medraron un 8% no que vai de ano roldando os 300 millóns de euros de beneficio e a ocupación creceu case dous puntos.

Máis rendibilidade no sector coruñés

No caso da cidade da Coruña, faise extensiva esta positiva evolución para o sector. Así, como constatan os datos oficiais, as tarifas hoteleiras incrementáronse na cidade un 7,7% e os niveis de rendibilidade aumentaron un 12,6%.

A falta de contabilizar o último mes do ano, a cidade recibiu máis de 425.000 viaxeiros que realizaron máis de 928.000 noites, acadando cifras de demanda turística máis altas da súa historia e un incremento do 5,6%.

Data de actualización: 13/01/2020