Medio Ambiente financia na súa totalidade a redacción do primeiro Plan Xeral do Concello de Monterrei

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o alcalde de Monterrei asinaron esta mañá un convenio de colaboración, polo cal a Xunta asume ao 100 por cento o custe deste proxecto de ordenación urbanístico

Monterrei (Ourense), 14 de xaneiro de 2020-

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Monterrei, José Luís Suárez Martínez, asinaron esta mañá o convenio de colaboración para o financiamento do primeiro Plan Xeral de Ordenación Municipal deste concello ourensán, co fin de que antes de que finalice a actual lexislatura municipal poida sumarse ao listado de municipios de Galicia con planeamento adaptado á actual lexislación ou coa tramitación vén avanzada.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda achegará o 100 por cento do orzamento necesario, que se eleva a case 90.000 euros; ao mesmo tempo que lle brindou a colaboración a nivel técnico da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, en todas as fases que debe iniciar agora o Concello, como contratar a redacción, someter dita proposta a avaliación ambiental...

Recordou que Monterrei réxese na actualidade por unhas Normas Subsidiarias de Municipais aprobadas en 1989, fai máis de 30 anos; polo que a Xunta quere apoiar a Monterrei neste obxectivo que comparte de contar cun plan actualizado e con seguridade xurídica para posibilitar o desenvolvemento sostible deste concello.

Ángeles Vázquez trasladoulle a Suárez Martínez o esforzo realizado nos últimos anos para implantar entre os concellos a filosofía de urbanismo responsable, de xeito que cada día se incremente o número de municipios de contan con Pxom. Un traballo que se reflexa no número de concellos con planeamento vixente, 105; e na actualización do marco normativo nesta materia, coa aprobación do Plan Básico Autonómico, que substituíu ás normas complementarias e subsidiarias de planeamento provinciais; os Plans Básicos Municipais ou a Lei do Solo no ano 2016, e o regulamento que a desenvolve.

Un traballo que se culminará coa aprobación na nova Lei de ordenación do territorio, que xa ten iniciado a súa tramitación parlamentaria, e coa que se pechará o marco normativo para Galicia en materia de ordenación do territorio e urbanismo, explicou Vázquez Mejuto; ao que engadiu que Galicia contará cunha normativa que se caracterizará por unha dobre simplificación; normativa, para dar unha maior seguridade xurídica; e administrativa, ao integrar a tramitación ambiental.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/01/2020