Anxo M. Lorenzo presenta a programación das xornadas de novela negra da biblioteca de Verín

Celebraranse os días 24 e 25 de xaneiro baixo o lema de ‘Personaxes de novela’ e contarán coa participación de escritores como José Antonio Vázquez Taín ou Pedro Feijoo así como de figuras que inspiraron personaxes deste xénero

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2020

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación das xornadas de Novela negra que se celebrarán os días 24 e 25 de xaneiro no auditorio de Verín baixo o lema de Personaxes de novela.

A iniciativa, organizada pola Biblioteca do Concello de Verín en colaboración coa Sociedade Antropolóxica Galega, ten como obxectivo ofrecer unha visión real sobre as personaxes que forman parte das obras deste xénero. Para conseguilo, contarán coa presenza de escritores e personaxes reais que aparecen en diversas obras. Así, o día 24 o comisario de policía Enrique León, que inspirou o personaxe do sarxento Castro na serie de televisión Fariña, ofrecerá unha conferencia baixo o título Do contrabando de tabaco ao tráfico de drogas. Posteriormente o mesmo día, terá lugar o relatorio O corpo do delito a cargo do médico forense Fernando Serrulla.

O sábado 25, o xuíz e escritor José Antonio Vázquez Taín abordará a novela negra como radiografía da realidade social e o escritor Pedro Feijoo ofrecerá a conferencia A forma do lume.

Os asistentes gozarán por tanto dun percorrido polas entrañas dunha realidade que transcende o literario e que permite coñecer as sombras nas que tantas veces se inspira a narrativa. Os interesados atoparán máis información na páxina web das xornadas.

Data de actualización: 14/01/2020