A Xunta licita hoxe a construción dunha senda peonil e ciclista na estrada LU-633 en Portomarín, cun orzamento de 284.500 euros

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou que se construirá un itinerario de 260 metros para mellorar a seguridade dos peregrinos e dos peóns en xeral ao percorrer un treito polo que discorre o Camiño Francés

Balseiro estivo hoxe na localidade para informar dos detalles do proxecto, que ten un prazo de execución de seis meses

As empresas interesadas en presentar as súas ofertas poden facelo ata o próximo 10 de febreiro

Portomarín (Lugo), 14 de xaneiro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe na plataforma de Contratos Públicos de Galicia a licitación das obras de construción dunha senda peonil e ciclista na estrada LU-633 en Portomarín, que teñen un orzamento de 284.565 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado polo alcalde de Portomarín, Juan Serrano, e por técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) -entre outras persoas- estivo hoxe na localidade para presentar o proxecto, que consiste na construción dunha senda de 260 metros de lonxitude na marxe esquerda da calzada, entre os puntos quilométricos 72,320 e 72,580, un treito por onde discorre o Camiño Francés.

Balseiro destacou que a obra ten por obxecto mellorar as condicións de seguridade dos peregrinos e dos peóns en xeral no seu percorrido por esta zona, dende a baixada do Camiño de Santiago -fronte ao albergue situado a esa altura da LU-633- ata a entrada da ponte de acceso á vila de Portomarín.

A senda farase pola marxe esquerda porque dese xeito é posible executar un itinerario continuo entre os puntos seleccionados sen ter que cruzar a vía. No punto de inicio localízanse as escadas de baixada do Camiño Francés na beira dereita, polo que nesa parte complementarase cun pequeno treito de senda a ese lado da calzada e un paso de peóns.

Para acometer as obras será preciso executar pequenos desmontes e corrixir terrapléns. Nun treito incorporarase unha estrutura en voadizo para dispor dun ancho adicional, cunha baranda de aceiro ‘corten’ con pasamáns e debuxos troquelados mediante láser.

A finalidade da obra é ampliar a sección actual para poder albergar os elementos da nova plataforma, que servirá para reforzar a seguridade das persoas que se desprazan a pé, evitando que teñan que circular polo arcén.

Balseiro sinalou que este proxecto enmárcase na aposta da Xunta “por un novo modelo de mobilidade sostible vinculado a unha práctica que cada vez é máis común nas nosas vilas e cidades: o uso de sendas peonís e ciclistas”. Nese sentido, lembrou que están en marcha as obras para construír este tipo de infraestruturas en Friol, Láncara e Lugo, e tamén está en proceso a contratación dos traballos para facer a senda de Outeiro de Rei.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/01/2020