A Xunta impulsará no Casco Vello de Vigo un proxecto pioneiro que permitirá destinar 17 inmobles a usos culturais e turísticos

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e a delegada territorial da Xunta na cidade, Corina Porro, presentaron hoxe ‘Vigo Crea. Barrio Creativo’

A proposta permitirá a instalación de emprendedores, start-ups ou entidades en locais do Consorcio do Casco Vello de Vigo para fomentar o talento local

Instalarase unha sede do Centro Galego de Arte Contemporánea na cidade co fin de ampliar a oferta cultural da cidade e dinamizar o seu tecido artístico

Vigo, 15 de xaneiro de 2020

A Xunta de Galicia impulsa Vigo Crea. Barrio Creativo, un proxecto pioneiro que permitirá destinar 17 inmobles do Casco Vello da cidade a usos culturais e turísticos. O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e a delegada territorial da Xunta na cidade, Corina Porro, informaron hoxe sobre esta iniciativa, que nace co obxectivo de impulsar as industrias creativas e o turismo cultural na cidade, fomentando o talento local e os novos creadores, ao tempo que se aposta pola dinamización da zona histórica da cidade.

No marco deste programa favorecerase a instalación de empresas, emprendedores, start-ups, creadores ou entidades en locais propiedade do Consorcio do Casco Vello co obxectivo de poñer en marcha diferentes proxectos no eido das industrias culturais e creativas, pero tamén no ámbito turístico. Neste sentido, o responsable de Cultura e Turismo destacou que se trata dun proxecto “ambicioso” que permitirá enriquecer a oferta artística e de ocio da cidade, convertendo o Casco Vello “nun polo de emprendemento cultural e turístico”.

Dos 17 inmobles que formarán parte do proxecto Vigo Crea. Barrio Creativo, dez deles destinaranse á posta en marcha de proxectos no eido das industrias creativas, en ámbitos como as artes visuais, artes escénicas ou a banda deseñada, nos que se poderán levar a cabo, entre outras, iniciativas de creación, xestión, consultorías ou espazos destinados á prestación de servizos nestes eidos.

Outros cinco espazos estarán destinados ao eido turístico e terán como obxectivo desenvolver proxectos neste ámbito. Os outros dous inmobles dedicaranse a usos comúns, de formación e acompañamento co fin de favorecer o intercambio de ideas e proxectos, facendo desta iniciativa unha acción de traballo en rede. A selección dos proxectos que integrarán Vigo Crea. Barrio Creativo realizarase a través dunha convocatoria aberta en base aos valores desta iniciativa, como son a posta en marcha de proxectos innovadores, sustentables e en liña con principios como a igualdade de oportunidades.

Sede do CGAC no Casco Vello

En paralelo, o conselleiro de Cultura e Turismo e a delegada da Xunta en Vigo avanzaron que a Xunta impulsará a instalación dunha sede do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) en Vigo, nun inmoble do Casco Vello Baixo da cidade. A súa localización estará o máis próxima posible á praza do Berbés, onde a Xunta está construíndo o albergue de peregrinos e onde se financiou a rehabilitación da nova sede da Universidade. Isto responde ao obxectivo de rehabilitar unha das zonas máis icónicas da cidade. Cómpre destacar que esta nova sede contará cunha superficie de arredor de 400 metros cadrados, que albergará unha sala expositiva e un espazo de documentación. Román Rodríguez explicou que este proxecto permitirá dotar a Vigo dunha nota instalación cultural de primeiro nivel, dinamizando o seu tecido artístico grazas a un proxecto museográfico específico que estará centrado na escena local. Neste sentido, lembrou que o CGAC é unha institución cultural con máis de 25 anos de experiencia, o que permitirá desenvolver un traballo en rede co fin de impulsar o arte contemporáneo na cidade.

Do mesmo xeito, o titular de Cultura e Turismo salientou que o conxunto de iniciativas que conforman Vigo Crea. Barrio Cultural converterá o Casco Vello da cidade nunha “incubadora de proxectos creativos”, favorecendo a dinamización da zona histórica da cidade e achegando as iniciativas dos creadores participantes a toda a sociedade e propiciando sinerxías entre as empresas participantes.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/01/2020